A Deputación de Ourense destina 350.000 euros a 53 entidades sociais cun novo modelo de cooperación

A Deputación de Ourense puxo en marcha un novo modelo de cooperación co terceiro sector que permitiu distribuír 350.000 euros entre 53 entidades sociais da provincia. Así o explicou o presidente provincial, Luis Menor, durante a súa visita á nova sede da Asociación de Dano Cerebral Adquirido (DCA), unha das entidades beneficiarias destas axudas.
Menor sinalou que este cambio de modelo, acordado tras unha reunión celebrada o pasado mes de xuño con máis de 50 organizacións sociais, está a lograr “unha maior facilidade e eficiencia nas relacións administrativas” entre a Deputación e as entidades sen ánimo de lucro. O obxectivo, subliñou, é optimizar a colaboración institucional para ofrecer un mellor servizo á cidadanía máis vulnerable.
Durante a visita, na que estivo acompañado pola deputada de Políticas Sociais, Patricia Torres, e polo director da área de Benestar, José Juan Cerdeira, o presidente provincial puxo en valor o papel do terceiro sector, destacando que estas entidades “chegan a onde non chegan as administracións”, o que permite que, entre todos, “logremos esa prestación de servizos á cidadanía”.
A Asociación de Dano Cerebral Adquirido recibiu unha axuda de 12.000 euros, destinada a reforzar a súa intervención tanto na fase subaguda, de carácter ambulatorio, como na fase crónica, a través do seu centro de día. Menor afirmou que o acerto do novo modelo de colaboración “vémolo hoxe aquí, na calidade das instalacións e no servizo individualizado e profesionalizado que se presta a pacientes e familias”.
Pola súa banda, o responsable de Xestión Económica da entidade, Pablo Martínez, destacou que a colaboración institucional resulta “moi importante”, poñendo en valor os programas sociais que “fan que estas entidades poidamos camiñar e ter impacto na sociedade”.
A visita permitiu coñecer o modelo integral de atención que desenvolve a asociación, especializada na atención ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias, nun momento de crecemento para a entidade tras a apertura da súa nova sede e a consolidación dun centro de día terapéutico específico para a fase crónica do DCA, un recurso pioneiro na provincia.