A Deputación de Ourense destina máis de 640.000 euros en axudas a clubs deportivos, ANPAS e asociacións veciñais

OurenseXa
A Xunta de Goberno vén de aprobar tamén o expediente de expropiación forzosa para mellorar o firme da estrada OU-5006 entre Velle e San Miguel do Campo
menor-rolda-de-prense-xunta-de-goberno
26 Jan 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns unha serie de axudas enfocadas ao apoio do tecido deportivo, educativo e veciñal da provincia, cun importe de 643.000 euros, así como actuacións para a mellora das infraestruturas viarias provinciais.

No ámbito deportivo, aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para clubs deportivos da provincia, cun orzamento de 550.000 euros para o ano 2026. Estas axudas están destinadas a contribuír ao financiamento dos gastos derivados da participación dos clubs en competicións oficiais durante a tempada 2025-2026. O prazo para presentar solicitudes comezará coa publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 27 de febreiro.

Tamén se aprobaron as bases para a convocatoria de axudas ás asociacións de nais e pais (ANPAS) de centros educativos da provincia, cun importe total de 50.000 euros. Estas subvencións buscan apoiar actividades educativas, culturais, deportivas ou de conciliación durante o curso 2025-2026. O prazo para solicitar estas axudas finalizará o 2 de marzo.

No ámbito veciñal, a Xunta de Goberno aprobou as bases para as subvencións destinadas a gastos de funcionamento das federacións e agrupacións de asociacións veciñais da provincia, con un orzamento de 43.000 euros. Estas axudas pretenden fortalecer o movemento veciñal como canal de participación cidadá e promoción de iniciativas sociais, culturais e ambientais. O prazo para presentar solicitudes pecharase o 10 de marzo.

En materia de infraestruturas, aprobouse o expediente de expropiación forzosa para a execución das obras de reforzo do firme na estrada OU-0506, no tramo Velle – San Miguel do Campo, no concello do Pereiro de Aguiar. Esta actuación busca mellorar a seguridade e as condicións de circulación nesta vía provincial.

O presidente Luis Menor destacou que estas iniciativas forman parte do compromiso da Deputación para promover un desenvolvemento equilibrado na provincia, apoiando o deporte, a educación, o asociacionismo veciñal e a mellora das infraestruturas.

⚙ Configurar cookies
0.081000089645386