A Deputación de Ourense destina preto de 290.000 euros a reforzar infraestruturas e servizos municipais

OurenseXa
Etre as partidas hai unha achega de 100.000 para o mellora da conectividade en Allariz e máis de 7.500 euros para traballos de reparación e asfaltado de pistas nas localidades de Cambeo e San Lourenzo, en Coles
xunta-de-goberno-dep-ourense
16 Feb 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá un paquete de achegas económicas por un total de 288.093,57 euros destinadas a mellorar infraestruturas e servizos básicos en distintos concellos da provincia. Estas actuacións forman parte da liña estratéxica de cooperación municipal da institución, que busca garantir servizos de calidade, reforzar a seguridade e a accesibilidade nos espazos públicos, e fortalecer equipamentos culturais e infraestruturas fundamentais.

Entre os proxectos aprobados, en Allariz investirase case 100.000 euros na adquisición dunha finca e no acondicionamento dos seus accesos, mellorando a conectividade e a funcionalidade do espazo. En Verín, asignáronse 80.000 euros para a segunda fase das obras de ampliación de beirarrúas na rúa Luis Espada, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e a mobilidade peonil. O Teatro Lauro Olmo, en O Barco de Valdeorras, verá renovadas as súas instalacións coa subministración e instalación de 265 novas butacas, cun investimento de máis de 44.500 euros que inclúe reposición de asentos e respaldo, mellorando así un espazo cultural de referencia na comarca.

No Concello de Muíños, destinaranse 40.000 euros á instalación de alumeado público na senda peonil que conecta Mugueimes, Abelleira e Rabeca, favorecendo unha mobilidade máis segura entre núcleos. En Bande, a Deputación financiará actuacións en infraestruturas básicas por un total de case 16.000 euros, que inclúen melloras na estación depuradora de augas residuais, acondicionamento da cumbrera na Casa de O Baño e reparación de camiños no núcleo de Pereira. Finalmente, Coles recibirá máis de 7.500 euros para traballos de reparación e asfaltado de pistas nas localidades de Cambeo e San Lourenzo.

⚙ Configurar cookies
0.082074880599976