A Deputación de Ourense e a Fundación Venancio Salcines reforzan a súa colaboración

OurenseXa
Ambas institucións estreitaron lazos con obxectivo de que galegos da diáspora regresen a Ourense e revitalicen o sector industrial
Luis Menor e Venancio Salcines
Luis Menor e Venancio Salcines
3 Jul 2025

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co economista e profesor Venancio Salcines, presidente do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) e da Fundación Venancio Salcines, co obxectivo de consolidar liñas de colaboración e fortalecer lazos en novos proxectos.

Menor comprometeuse a continuar promovendo a participación de Ourense e da Deputación no Encontro de Sober, un foro económico estratéxico liderado por Cesuga que reúne expertos do ámbito empresarial, académico e institucional para impulsar iniciativas que conecten talento e territorio.

Durante o encontro celebrado no Pazo Provincial, tamén se analizaron os resultados e as perspectivas do programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta de Galicia. A través da Fundación Venancio Salcines, facilítase o regreso de galegos na diáspora á súa terra natal, ofrecéndolles oportunidades de integración laboral en Galicia.

O presidente provincial destacou a “dinamización socioeconómica” como “obxectivo prioritario” da Deputación, en liña cos programas presentados por Venancio Salcines e o seu equipo. Neste sentido, Menor fixo fincapé na “falta de man de obra que limita o crecemento da industria” na provincia, cualificando o programa Retorna Cualifica Emprego como unha “gran oportunidade para aproveitar todas as potencialidades do sector industrial nos nosos polígonos”.

Pola súa parte, Venancio Salcines valorou a cooperación coa Deputación de Ourense e coa provincia, sinalando como “fundamental” a presenza da institución ourensá en proxectos como o Encontro de Sober. Sobre os beneficios do programa Retorna Cualifica Emprego, destacou a “gran utilidade” que pode supoñer para as empresas dos polígonos industriais da provincia contar con estes profesionais.

⚙ Configurar cookies
0.17094087600708