A Deputación de Ourense e a Xunta asinan un protocolo para impulsar as prazas de abastos da provincia

GaliciaXa | OurenseXa
O convenio busca converter estes espazos nun escaparate para os produtos locais e dinamizar o comercio nas vilas
convenio-prazas-de-abastos-xunta-dep-ourense
18 Feb 2026

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia asinaron esta mañá un convenio de colaboración para impulsar a mellora e modernización das prazas de abastos da provincia, potenciando estes espazos como escaparate para os produtos de calidade locais e para dinamizar a actividade comercial nas vilas.

O protocolo foi asinado no Pazo Provincial entre o presidente da Deputación Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acto ao que tamén asistiron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e directora territorial da consellería en Ourense, Marta Vázquez.

O documento supón o punto de partida para establecer convenios de colaboración cos concellos interesados na mellora dos seus mercados, cunha achega da Deputación que alcanzará o 20 % do custo do proxecto, mentres que a consellería financiará o 70 % e os concellos o 10 % restante.

Para o presidente provincial, Luis Menor, a mellora das prazas de abastos na provincia é “unha vía moi oportuna para impulsar a actividade económica nas vilas e revitalizar o comercio local, grazas á modernización e redeseño destes mercados”.

As actuacións a desenvolver consistirían na adaptación dos espazos aos novos hábitos dos consumidores, dotar as instalacións con equipamento que favoreza a actividade comercial e xerar novos servizos complementarios. “Con estas accións conseguiremos potenciar o mercado tradicional, dar valor á actividade dos produtores e promover o consumo de produtos de proximidade”, salientou o mandatario provincial.

No marco destes obxectivos, explicou Menor, a finais de xaneiro realizaron unha visita ás obras que se están a executar na praza de abastos de Xinzo de Limia, onde a Deputación de Ourense cofinancia o proxecto cunha achega de 200.000 euros. Un exemplo “do esforzo que estamos a facer por recuperar os mercados tradicionais, mesturando a tradición cos novos hábitos de consumo”, ademais de situar á institución provincial como “un instrumento de apoio económico para colaborar no relanzamento das prazas de abastos. Con esta sinatura, salientou Menor, a Deputación de Ourense “consolídase como a administración provincial galega que máis liñas de colaboración mantén abertas coa Xunta de Galicia”.

Pola súa banda, o conselleiro José González especificou que estes mercados deberán cumprir os requisitos previamente establecidos para obter o recoñecemento de excelencia e tamén contar cunha diagnose de situación e usos do mercado, así como co correspondente proxecto de reforma.

⚙ Configurar cookies
0.081080913543701