A Deputación de Ourense e a Xunta impulsan liñas de colaboración para fortalecer o comercio e o emprendemento rural

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo esta semana unha reunión de traballo co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. O encontro tivo como obxectivo establecer novas vías de cooperación institucional para dinamizar o comercio local e promover o emprendemento ligado ao territorio na provincia.
Durante a reunión, ambas as institucións coincidiron na importancia de coordinar esforzos coas entidades locais para aumentar o impacto das políticas de emprego e desenvolvemento económico. Luis Menor destacou a necesidade de traballar de forma conxunta coa Xunta para dotar aos concellos e emprendedores das ferramentas necesarias para medrar, subliñando que o comercio e os proxectos vinculados á identidade local son clave para o futuro socioeconómico da provincia.
No ámbito comercial analizáronse iniciativas que xa se están a desenvolver en colaboración, como o programa Vilas Vivas, implantado no concello de Ribadavia, que busca revitalizar o tecido comercial en localidades pequenas e medianas. Tamén se resaltou a importancia de potenciar as prazas de abastos como centros fundamentais da economía local.
En canto ao emprendemento, abordouse a Estratexia de Emprendemento Ligado ao Territorio de Galicia 2025-2030, presentada recentemente pola Xunta. Unha das súas ferramentas principais é a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, que en Ourense conta con catro oficinas activas en Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín. Estas oficinas ofrecen asesoramento e recursos para novos proxectos empresariais en zonas rurais, favorecendo a fixación de poboación e a xeración de emprego cualificado en toda a provincia.