A Deputación de Ourense e AJE promoven unha xornada de networking para mulleres emprendedoras

OurenseXa
A cita terá lugar o 4 de novembro na Fábrica de Papel de O Carballiño e tamén poderá seguirse en liña
dep-ourense-aje
29 Oct 2025

A Deputación de Ourense, en colaboración coa Asociación de Xóvenes Emprendedores (AJE), organiza o vindeiro 4 de novembro unha xornada de networking dirixida ás mulleres emprendedoras da provincia. O encontro celebrarase na Fábrica de Papel do Parque Etnográfico do Arenteiro, en O Carballiño, e ten como obxectivo fomentar a creación de redes, o traballo colaborativo e o fortalecemento do movemento asociativo empresarial feminino.

A primeira vicepresidenta provincial, Marta Nóvoa, presentou a iniciativa xunto coa presidenta e a vicepresidenta de AJE, Noelia Rodríguez e Alba Ferro, e o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira. Durante a súa intervención, Nóvoa destacou que esta xornada pretende ser “un novo elemento no camiño do traballo colaborativo, da creación de redes de empresarios e do fortalecemento do movemento asociativo empresarial”.

A vicepresidenta lembrou que a Deputación mantén un “compromiso firme coas emprendedoras da provincia”, que se reflicte en programas como EmprendOU, xestionado dende a Área de Benestar, e nas distintas iniciativas que “perseguen o obxectivo de ser unha administración útil para as emprendedoras”. Nese sentido, apuntou que esta mesma semana o Consello de Goberno aprobou axudas para 74 novas iniciativas empresariais lideradas por mulleres menores de 35 anos, que recibirán financiamento a través de EmprendOU.

A xornada estará aberta ao público e poderá seguirse de maneira telemática. “Sabemos que moitas emprendedoras non poden asistir presencialmente durante todo o día, como sen dúbida desexarían”, explicou Nóvoa, subliñando que o obxectivo é “crear un espazo para a colaboración e o intercambio de dificultades, oportunidades, aprendizaxes, experiencias e visións de futuro das mulleres que optaron por emprender na provincia de Ourense, a maioría en zonas rurais”.

O programa incluirá paneis sectoriais nos que participarán 30 mulleres emprendedoras de 30 concellos distintos, que compartirán as súas experiencias e proxectos. Ademais, intervirán empresarias pertencentes a AJE e impartirase un obradoiro sobre presenza dixital e comunicación nas novas empresas.

“Agardamos que esta xornada marque un fito no camiño do traballo colaborativo e na creación de redes de emprendedores”, concluíu Nóvoa, quen destacou a disposición da Deputación “para acompañar e apoiar todo o que contribúa a construír unha provincia máis cohesionada e con futuro”.

Pola súa banda, Noelia Rodríguez, presidenta de AJE, agradeceu a colaboración da Deputación e explicou que a elección de O Carballiño busca “dar visibilidade ás persoas que apostan por emprender no rural, porque no campo hai futuro grazas a quen decide desenvolver alí os seus proxectos”.

⚙ Configurar cookies
0.07430100440979