A Deputación de Ourense e Cruz Vermella reforzan a súa colaboración a través do programa “Apoio á infancia”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo con Felipe Ferreiro, presidente de Cruz Vermella Ourense, e Esther Lorenzo Outón, a nova coordinadora da entidade, para avaliar as accións realizadas ao longo deste ano e planificar a colaboración para 2026.
Durante o encontro, Menor comprometeuse a apoiar o programa “Apoio á infancia” que desenvolve Cruz Vermella na provincia, un proxecto que ofrece axuda escolar e promove hábitos de alimentación saudable entre o alumnado, especialmente nos concellos máis pequenos de Ourense. Segundo o presidente provincial, trátase dunha “iniciativa que contribúe ao desenvolvemento social e á mellora da atención á nosa veciñanza máis nova e ás súas familias”.
Luis Menor lembrou tamén a relación histórica entre a Deputación e Cruz Vermella, que ten a súa orixe nesta institución a finais do século XIX. Destacou que esta colaboración permaneceu “viva” e intensificouse co tempo, incluíndo apoio económico tanto para gastos de funcionamento como para proxectos específicos, como a adquisición dunha nova ambulancia.
Por último, Menor deu a benvida a Esther Lorenzo Outón, destacando a súa ampla experiencia no ámbito social, mesmo a nivel internacional, e subliñou que a súa incorporación “repercutirá moi positivamente na asociación, pero tamén na provincia”.