A Deputación de Ourense entrega os galardóns da oitava edición do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural

A Deputación de Ourense entregou este xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel os galardóns da oitava edición do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural, que conta cunha dotación total de 10.000 euros repartidos entre as distintas categorías. No acto participaron o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e o director da Área de Cultura e Deportes da Deputación, Marcos Vázquez.
César Fernández destacou a traxectoria deste certame instaurado pola institución provincial, subliñando que serve para poñer en valor a figura do “insigne intelectual ourensán” e recoñecer o traballo de quen impulsa proxectos culturais en Galicia ou fóra, sempre con referencias claras á cultura galega.
Nesta edición, o primeiro premio, dotado con 3.000 euros, foi para Xosé González Martínez, “Pepe de Redondela”, en recoñecemento á súa labor dinamizando a vida cultural e social galega, recuperando tradicións populares e promovendo unha cultura participativa.
O segundo galardón correspondeu ao Festival Hércules Brass de Celanova, cunha achega económica de 2.000 euros, polo seu papel achegando a música de vento metal a novos públicos e contribuíndo á actividade cultural da comarca. O terceiro premio, dotado con 1.000 euros, recaeu no Festival Internacional de Curtametraxes e Arte (FICAR) de Entrimo, pola súa aposta pola creación audiovisual e pola proxección cultural da raia.
Ademais destes tres recoñecementos principais, o certame tamén outorgou un premio de 1.000 euros por cada unha das catro provincias galegas. Na Coruña, o proxecto distinguido foi “Viñetas desde o Atlántico”; en Láncara, Lugo, o xurado escolleu o “MUVICLA – Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria”; en Ourense, a distinción foi para a “Casa do Chocolate de Teimende”; e en Pontevedra, o premio recaeu en “Desfoga”, de Begoña Cuquejo e Matías Daporta.
O xurado estivo presidido por César Fernández e integrado por Anxo Lorenzo e diferentes representantes da Deputación e da Asociación Cultural Rodolfo Prada. O director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, actuou como secretario con voz pero sen voto.