A Deputación de Ourense entrega unha ambulancia a Cruz Vermella para reforzar a resposta ás emerxencias

A Deputación de Ourense reforzou a súa colaboración con Cruz Vermella coa entrega dunha nova ambulancia destinada a ampliar a capacidade de resposta ante emerxencias en toda a provincia. O presidente provincial, Luis Menor, desprazouse á sede de Cruz Vermella en Ourense para facer efectiva a cesión do vehículo, nun acto no que tamén participaron o presidente provincial da entidade, Felipe Ferreiro, e o secretario provincial, Javier Manteiga.
Segundo explicou Menor, a nova ambulancia permitirá mellorar a rapidez e eficacia das intervencións, cun foco especial nos municipios do rural, onde as distancias e a dispersión poboacional fan especialmente necesaria unha dotación axeitada de recursos.
Pola súa banda, Ferreiro agradeceu o apoio da institución provincial e salientou que esta incorporación se suma á colaboración habitual en materia de emerxencias e prevención, incidindo en que achegas deste tipo axudan a reforzar a resposta en momentos críticos.
Durante a visita, o presidente da Deputación puxo en valor o papel de Cruz Vermella na atención a persoas maiores, familias vulnerables, persoas sen fogar e colectivos en risco de exclusión, e agradeceu expresamente o labor do persoal técnico, do voluntariado e do equipo directivo. Menor enmarcou a entrega na “relación histórica” entre ambas entidades e no compromiso de seguir apoiando tanto o funcionamento da organización como programas sociais e actuacións específicas.