A Deputación de Ourense financiará a redacción do proxecto da futura estación de mercadorías do polígono de San Cibrao

O presidente provincial destacou que se trata dun proxecto estratéxico para a provincia chamado a converter Ourense “nun polo de innovación e competitividade”
foro-industrial-san-cibrao
Foro Industrial de Ourense
16 Oct 2025

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, anunciou este mércores o apoio económico da institución provincial para a redacción do proxecto de construción da futura estación de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

O anuncio realizouse durante a clausura do Foro Industrial de Ourense, organizado pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao baixo o título “O futuro do transporte de mercadorías en Ourense”.

Menor subliñou que esta actuación “non é algo casual”, senón que se enmarca na esixencia dun “proxecto estratéxico para o noso territorio, unha infraestrutura clave para o desenvolvemento da nosa provincia”, e lembrou que nesta zona industrial se concentra o 90 % do movemento de mercadorías de Ourense.

O presidente provincial destacou que o encontro permitiu acadar dous compromisos concretos: por unha banda, a financiación da redacción do proxecto por parte da Deputación, e por outra, a cesión dos terreos por parte da Xunta de Galicia. Menor agradeceu ademais o anuncio da conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, quen manifestou a vontade do Goberno galego de ampliar a Cidade do Transporte para incorporar os 26.000 metros cadrados necesarios para a viabilidade da nova estación.

Menor defendeu que se trata dun proxecto cunha “visión ampla”, chamado a converter Ourense “nun polo de innovación e competitividade”. “A provincia ten talento, localización e potencial. O que necesita é unha infraestrutura moderna que conecte ese potencial co mundo”, sinalou, afirmando que “coa estación de mercadorías daremos ese paso”.

“Ourense non se resigna a ser un territorio de tránsito. Ourense é un territorio de destino”, concluíu o presidente provincial, quen apelou a manter a cooperación institucional para facer realidade un proxecto que considera “necesario e imprescindible para o futuro económico da provincia”.

⚙ Configurar cookies
0.07402491569519