A Deputación de Ourense garante o seu apoio ao Plan de Mobilidade Sostible da Ribeira Sacra

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha xuntanza de traballo no Pazo Provincial co presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, na que se abordou o Plan de Mobilidade Sostible que se prevé implantar a partir de 2026 nesta zona das provincias de Ourense e Lugo.
O obxectivo principal do plan é avanzar cara a unha Ribeira Sacra como “territorio descarbonizado” no ano 2030, apostando pola conectividade e por unha mellor accesibilidade tanto para residentes como para visitantes. Luis Menor garantiu o respaldo da Deputación á posta en marcha desta iniciativa, que xa conta cun compromiso de financiamento. “Estamos ante un momento clave”, sinalou o presidente provincial, quen subliñou a importancia de promover un modelo turístico sostible que “asegure a preservación da súa esencia natural, paisaxística e cultural”, especialmente de cara á resolución, en 2026, da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO.
Pola súa banda, Luis Fernández Guitián, acompañado pola xerente do consorcio, Alexandra Seara, cualificou o plan como “fundamental”, xa que permitirá non só protexer o territorio e o seu modo de vida, senón tamén mellorar a capacidade de desenvolvemento turístico, “e, polo tanto, de riqueza e progreso económico”.
O plan prevé a creación dunha rede intermodal de transportes baseada en enerxías renovables, que dea prioridade aos desprazamentos mediante medios eléctricos, tanto na zona do río Sil (Ourense) como na do río Miño (Lugo).
Entre as actuacións previstas inclúese a construción de intercambiadores con autobuses lanzadeira eléctricos que conecten os principais puntos de interese da Ribeira Sacra, así como o seu enlace con barcos eléctricos que substituirán aos actuais propulsados por gasóleo. Segundo se explicou, a idea é transformar a función meramente recreativa dos embarcadoiros nun sistema real de transporte “eficiente, limpo e rápido” para visitantes e poboación local.