A Deputación de Ourense garante o seu apoio aos agricultores e gandeiros da provincia afectados polo tratado do Mercosur

A Deputación de Ourense vén de anunciar un conxunto de medidas para apoiar aos agricultores e gandeiros da provincia, tras unha reunión mantida polo presidente Luis Menor coas persoas afectadas polas mobilizacións que levan dúas semanas en protesta polo tratado do Mercosur e a futura Política Agraria Común (PAC).
No encontro, celebrado no Pazo Provincial, o presidente trasladou o apoio da institución e destacou que “a defensa do medio rural, dos nosos agricultores e dos nosos gandeiros é unha prioridade absoluta”. Ademais, comprometeuse a manter un “diálogo permanente” cos afectados para canalizar as súas demandas e defender os seus intereses ante as administracións.
Entre os acordos alcanzados está a creación dun servizo de recollida de plásticos agrícolas para garantir unha correcta xestión ambiental, un proxecto que deberá pasar polo pleno da Deputación para a súa aprobación. Tamén se habilitarán dúas liñas de axudas: unha para deseñar un plan piloto de recría de femias en extensivo co obxectivo de facilitar o relevo nas cabanas gandeiras, e outra para impulsar o silvopastoreo como medida preventiva contra os incendios forestais.
Ademais, acordouse realizar un estudo sobre a viabilidade da creación dun centro de recría de gando que contribúa a solucionar o baleirado das explotacións e favoreza a apertura de novas granxas.
Luis Menor incidiu na importancia de que “calquera acordo comercial garanta cláusulas de salvagarda que aseguren que todos os produtos que entren no mercado español o fagan nas mesmas condicións esixidas ás producións galegas, tanto en materia sanitaria como ambiental e de benestar animal”. Insistiu en que “é imprescindible que se establezan mecanismos de control eficaces para garantir unha competencia en igualdade de condicións”.
No debate tamén se abordou a negociación do próximo Marco Financeiro Plurianual da PAC 2028-2034, destacando a necesidade dunha política agraria con suficiente dotación económica e sen recortes.
Finalmente, o presidente reafirmou o compromiso da Deputación como “aliada do sector primario”, comprometéndose a continuar coa interlocución e apoio constante aos produtores ourensáns.