A Deputación de Ourense impulsa o Plan CooperOU 2026 con 19 millóns para proxectos municipais

OurenseXa
O programa provincial de apoio aos concellos incrementa nun millón de euros o seu orzamento respecto a 2025 e foi aprobado por unanimidade
pleno-deputacion-de-ourense
27 Feb 2026

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe por unanimidade o Plan CooperOU 2026, o programa provincial de cooperación que contará con 19 millóns de euros para apoiar proxectos nos concellos, un millón máis que no exercicio anterior. O plan mantén a modificación do ano pasado que permite aos concellos maior flexibilidade para xustificar proxectos xa executados, evitando así a perda de achegas provinciais.

O reparto das subvencións combina unha parte fixa, segundo a poboación de cada municipio, e unha variable que ten en conta factores como a poboación total, os núcleos habitados, o índice de envellecemento e a superficie municipal. Ademais, os concellos poderán destinar ata un 60 % da achega a gasto corrente ou amortización de débeda, reservando como mínimo o 40 % para investimentos reais. En casos de insuficiencia financeira, poderá destinarse o 100 % a gasto corrente, e tamén se poderán acometer proxectos de maior envergadura sempre que o concello complemente o financiamento.

Na sesión tamén se abordou a devolución ao Concello dos Blancos da xestión dos servizos mínimos obrigatorios que a Deputación asumira hai dous anos, relacionados con abastecemento de auga potable, saneamento, pavimentación, acceso a núcleos, iluminación pública e depuración de augas residuais. A partir do 14 de marzo, o municipio recuperará plenamente estas competencias.

Durante a sesión, aprobouse a actualización do inventario de bens da Deputación, valorado en case 1.871 millóns de euros, así como a ordenanza de recollida de animais abandonados, incluíndo cambios no proceso de liquidación das taxas. Ademais, tomaron posesión as deputadas socialistas Eva María Pérez Gamote e Susana Rodríguez Rodríguez.

O pleno aprobou ademais varias mocións por unanimidade, entre elas a demanda ao Goberno central para que remate a autovía A-56 (Ourense-Lugo), co fin de “evitar a súa conversión nun simple corredor” e garantir un calendario de execución con partidas orzamentarias suficientes. Tamén se solicita á Deputación que lidere unha fronte común cos concellos afectados para impulsar esta reivindicación.

Outra proposta pide un plan de choque para reparar infraestruturas viarias provinciais danadas polos temporais recentes, destinando recursos prioritariamente aos concellos e poñendo a súa disposición medios técnicos para avaliar e arranxar os danos. Ademais, solicita á Consellería do Medio Rural axudas para titulares de explotacións agrícolas e gandeiras afectadas e cofinanciamento para manter e reparar pistas de concentración parcelaria.

Finalmente, a Corporación apoiou por unanimidade unha iniciativa para considerar o termalismo terapéutico como recurso sanitario estratéxico. Propóñese que a FEMP inste ao Goberno central a eliminar referencias que equiparen o “uso de augas” a actividades de ocio, e que a Xunta estude a súa inclusión progresiva na carteira complementaria de servizos da comunidade autónoma.

0.12120699882507