A Deputación de Ourense impulsa un aparcadoiro disuasorio na Finca Mariñamansa

A Deputación de Ourense iniciou os trámites para habilitar unha parte da Finca Mariñamansa como aparcadoiro disuasorio, co obxectivo de paliar a diminución de prazas que se producirá pola instalación das ramplas mecánicas na rúa Vasco Díaz Tanco.
Así o confirmou o presidente provincial, Luis Menor, tras manter unha reunión no Pazo Provincial coa directiva da Asociación Veciñal da Cuña e veciñas e veciños do barrio. No encontro tamén participou o deputado provincial e concelleiro, Jorge Pumar.
Durante a reunión, os representantes veciñais alertaron dos problemas de aparcamento que xurdirán unha vez que se execute o proxecto de mobilidade vertical. “O barrio xa está moi saturado de vehículos tendo en conta a proximidade do complexo hospitalario”, sinalaron, e engadiron que algúns baixos poderían quedar sen acceso debido ás obras.
Ante esta situación, Luis Menor comprometeuse a enviar un escrito á xunta de compensación da Finca Mariñamansa “para que se poida utilizar unha parte deste terreo como aparcadoiro disuasorio”. O presidente provincial subliñou que “as obras de mellora nos barrios sempre son benvidas, pero é necesario evitar que se xeren outros problemas”.
Pola súa banda, os veciños tamén reclamaron recuperar un antigo proxecto para mellorar o estacionamento, como é a construción dun aparcadoiro soterrado na avenida da Universidade, que podería aliviar a presión de vehículos na zona.