A Deputación de Ourense impulsa un novo modelo provincial para a prevención e xestión de incendios tras recibir 44 propostas cidadás

A Deputación de Ourense pechou o prazo para recibir achegas destinadas á Mesa Provincial de Incendios, un órgano creado para deseñar un novo enfoque na loita contra os incendios forestais tras a intensa vaga de lumes do pasado verán.
En total, recolléronse 44 propostas dunha ampla variedade de sectores e actores sociais, desde particulares ata colectivos veciñais, profesionais do sector forestal e de emerxencias, así como representantes políticos e empresariais. Esta diversidade achega unha visión plural que servirá para estruturar medidas efectivas e adaptadas á realidade provincial.
As achegas, explican desde a institución provincial, distribúense en diferentes grupos: 19 de particulares; 6 de asociacións e colectivos ambientais; 4 de mancomunidades e comunidades de montes; 7 de profesionais (bomberos, técnicos, protección civil); 3 de alcaldes e concellos; 2 do sector empresarial; 1 de sindicatos agrarios; 1 procedente de Portugal; e 2 de partidos políticos.
Unha vez analizadas, estas propostas serán debatidas en tres mesas sectoriais especializadas que se centrarán en prevención e infraestruturas, dispositivos de extinción e participación cidadá, involucrando a quen presentou as súas ideas para garantir unha xestión colaborativa.
Respecto ás principais liñas de traballo que xurdiron do análise preliminar, destacan propostas relacionadas coa prevención estrutural e a ordenación do territorio, que inclúen a recuperación do mosaico agroforestal e o fomento do pastoreo extensivo e proxectos gandeiros en zonas estratéxicas. Tamén se propoñen medidas para reducir as especies pirófitas e promover as frondosas autóctonas mediante a mellora das concentracións parcelarias e bancos de terras.
No relativo á limpeza, cortalumes e franxas de protección, apóstase por unha limpeza efectiva e anual de pistas, franxas secundarias e cortalumes, así como polo reforzo das obrigas de limpeza próximas a aldeas e vivendas, con posibilidade de que as administracións actúen subsidiariamente no caso de incumprimento. Sobre as brigadas e o dispositivo operativo, as propostas inclúen a creación ou reforzo de brigadas municipais con actividade permanente, unha maior integración e coordinación entre os distintos operativos forestais e a mellora de medios materiais, comunicacións e equipos de emerxencia, ademais de valorar a posta en marcha dunha brigada provincial de intervención rápida.
En materia de infraestruturas, as iniciativas apostan pola ampliación e mantemento de hidrantes, depósitos e puntos de carga, a recuperación de camiños forestais estratéxicos e a creación de zonas amortiguadoras entre masas forestais e vivendas. Outro dos bloques importantes é a tecnoloxía e a detección temperá, con propostas que inclúen o uso de drons con sensores térmicos, sistemas intelixentes de aviso e aplicacións cidadás, así como a colaboración con iniciativas europeas e portuguesas.
Ademais, as propostas subliñan a importancia da educación, a participación social e o voluntariado, propoñendo programas educativos, formación en autoprotección para as aldeas e a creación de bolsas de voluntariado rexistradas e coordinadas. Por último, no que atinxe a protocolos, coordinación e planificación, as propostas destacan a necesidade de revisar os plans municipais de emerxencia, o preposicionamento de medios en momentos de risco extremo e a cooperación interprovincial e internacional na loita contra grandes incendios.
Desde a Deputación subliñan que a ampla resposta cidadá “demostra o compromiso de Ourense para avanzar cara a un modelo máis eficaz, baseado na colaboración e na responsabilidade compartida”, e recalcan que a Mesa non busca só elaborar documentos, senón xerar cambios reais e coordinados.
Os próximos pasos inclúen a clasificación técnica das propostas e a convocatoria de sesións para debatilas, co obxectivo de elaborar un informe con medidas prioritarias que será presentado á Xunta de Galicia e á Federación Galega de Municipios e Provincias.