A Deputación de Ourense impulsa unha campaña de recollida de materia orgánia dirixida ás empresas da provincia

OurenseXa
O obxectivo é ampliar o número de establecementos adheridos ao programa, que actualmente conta con 72 negocios, para alcanzar os 100 participantes
compostaxe-dep-ourense
13 Nov 2025

A Deputación de Ourense puxo en marcha unha nova campaña de sensibilización destinada a fomentar a participación das empresas ourensás na recollida separada de materia orgánica.

A iniciativa céntrase en sectores clave como Horeca (hostalaría, restauración e cafeterías), alimentación (supermercados e comercio minorista), comedores (colexios e residencias) e distribución (mercados e maioristas). Para facilitar a adhesión, a Deputación difundiu un vídeo informativo que amosa o funcionamento do sistema, no que as empresas acumulan os residuos orgánicos no colector marrón que lles proporciona a institución provincial, e logo estes son recollidos periódicamente polo servizo de xestión de residuos.

obxectivo é ampliar o número de establecementos adheridos ao programa, que actualmente conta con 72 negocios, para alcanzar os 100 participantes. Desde a Deputación destacan que esta colaboración supón para as empresas “unha redución do 20% no recibo do lixo, a mellora da súa responsabilidade social corporativa ao contribuír ao coidado do medio ambiente, o cumprimento da normativa vixente e o avance cara a modelos de negocio máis sostibles”.

Actualmente, o servizo está dispoñible en 14 concellos da provincia con máis de 2.000 habitantes que teñen delegada esta competencia na Deputación. Non obstante, a participación dos grandes produtores non alcanza as expectativas, o que motivou o lanzamento desta campaña para reforzar a correcta separación e recollida dos biorresiduos.

O programa forma parte do compromiso da Deputación de Ourense cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e coa implementación de políticas avanzadas de xestión de residuos. Esta acción está enmarcada nas axudas municipais da Xunta de Galicia e conta co financiamento da Unión Europea a través do plan Next GenerationEU.
Con esta campaña, a Deputación aspira a aumentar significativamente o volume de materia orgánica recollida e a consolidar a implicación das empresas como axentes activos na economía circular da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.075835943222046