A Deputación de Ourense impulsa unha campaña de recollida de materia orgánica en comercios e empresas

OurenseXa
O obxectivo da iniciativa é reforzar a colaboración dos 72 comercios que xa dispoñen do contedor marrón e atraer novos establecementos
contedores-ourense
8 Oct 2025

A Deputación de Ourense puxo en marcha unha campaña de concienciación destinada a fomentar a recollida de materia orgánica entre os grandes produtores da provincia, especialmente empresas e comercios de alimentación, hostalería e restauración.

O obxectivo da iniciativa é reforzar a colaboración dos 72 comercios que xa dispoñen do contedor marrón e atraer novos establecementos, ata acadar un total de 100 participantes. Segundo a Deputación, a meta é “incrementar significativamente o volume de materia orgánica recollida e contribuír a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos na provincia de Ourense”.

Actualmente, este servizo está dispoñible en 14 municipios con máis de 2.000 habitantes que teñen delegada a recollida de residuos na institución provincial. A campaña desenvolverase en dúas liñas de actuación: por unha banda, visitaranse os comercios que xa participan na recollida selectiva para reforzar o seu compromiso, e por outra, contactarase cos grandes produtores potenciais para fomentar a súa adhesión. Estímase que se realizarán visitas a arredor dun cento de produtores, con unha frecuencia de dúas visitas ao ano.

O plan busca non só aumentar os volumes de recollida, senón tamén reforzar a conciencia ambiental dos grandes produtores como actores clave da economía circular na provincia. Esta iniciativa conta con financiación dos Fondos Next Generation, a través do Ministerio de Transición Ecolóxica e da Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.076259136199951