A Deputación de Ourense lanza a campaña para combater a soidade non desexada

OurenseXa
A campaña pretende concienciar á poboación sobre a mensaxe da Organización Mundial da Saúde (OMS) que advirte sobre os profundos impactos do illamento social e a soidade das persoas
foto-recurso-maiores
23 Nov 2025

A Deputación de Ourense pon en marcha a campaña “En soidade, non esperes máis”, unha iniciativa destinada a visibilizar a problemática da soidade non desexada e a súa repercusión na saúde e o benestar das persoas. Esta campaña parte da advertencia da Organización Mundial da Saúde (OMS), que subliña os graves efectos do illamento social no envellecemento e a importancia da “conexión social” como pilar fundamental do benestar integral.

A OMS destaca que a conexión social non só axuda a reducir o risco de enfermidades e a aumentar a esperanza de vida, senón que tamén fortalece o tecido comunitario, achegando ás persoas un sentido de pertenza e significado vital. Pola contra, a soidade non desexada é un problema de saúde pública global con consecuencias serias, aínda que a miúdo subestimado.

Para facer fronte a esta realidade, a Deputación de Ourense lanza tamén a iniciativa piloto TERnadal, un programa que permitirá a milleiros de persoas realizar estancias en hoteis-balneario da provincia durante o mes de decembro. Estas estancias están pensadas para persoas en situación de vulnerabilidade emocional ou que vivan sós, co obxectivo de fomentar a socialización e evitar a soidade durante as festas de Nadal.

As estancias, que poden durar entre seis e quince días, inclúen pensión completa, acceso a piscinas termais, dúas técnicas termais diarias, actividades para favorecer a conexión social e consulta médica opcional. Ademais, haberá quendas especiais durante Nadal, Fin de Ano e Reis para garantir que ninguén pase estas datas só.

Con esta campaña e o programa TERnadal, a Deputación reafirma o seu compromiso coa saúde social e o benestar das persoas máis vulnerables, apostando por respostas innovadoras e humanas que poñen en valor o termalismo como un recurso de encontro e acompañamento.

⚙ Configurar cookies
0.07644510269165