A Deputación de Ourense lanza o primeiro programa de termalismo para nómades dixitais en España

OurenseXa
Trátase da primeira iniciativa destas características a nivel de vilas termais de España e, probablemente, a primeira experiencia de Europa en ofertar os balnearios como espazo de teletraballo
Deputacion_Ourense_rede_vilas_termais
23 Ago 2024

A Deputación de Ourense lanza o primeiro programa de termalismo para nómades dixitais en España, unha iniciativa que busca presentar aos balnearios como emprazamentos óptimos para teletraballar e descansar. Trátase da primeira iniciativa destas características a nivel de vilas termais de España e, probablemente, a primeira experiencia de Europa en ofertar os balnearios como espazo de teletraballo para nómades dixitais.

A primeira quenda do novo programa da Deputación comezará o vindeiro 23 de setembro no Balneario de Lobios, ofrecéndolle a posibilidade a nómades dixitais de todo o mundo a teletraballar durante 10 días desde esta infraestrutura termal ubicada na Reserva da Biosfera da UNESCO, na fronteira hispano-portuguesa.

Esta primeira experiencia inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, 10 técnicas termais, espazo común de networking e diversas actividades que contribúan a complementar a experiencia nas horas libres.

Compromiso anunciado por Luis Menor na asemblea anual das Vilas Termais

A posta en marcha desta iniciativa chega logo do anuncio do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, na asemblea anual das Vilas Termais, o pasado mes de xuño en Guitiriz, de levar a cabo un programa que captara aos nómades dixitais como potenciais usuarios dos balnearios.

Foi precisamente neste foro onde se comprometeu a desenvolver un programa orientado a este novo perfil profesional desde a Deputación de Ourense co obxectivo tamén de que esta iniciativa puidera ser replicada despois por outros territorios termais.

O obxectivo do presidente provincial é dar visibilidade ás vilas termais e aos balnearios de España como enclaves privilexiados para o teletraballo, dotados de todas as necesidades que poidan demandar este novo perfil profesional que representan os nómades dixitais.

0.1064760684967