A Deputación de Ourense lanza un novo programa de termalismo centrado no tratamento da artrose de xeonllo

OurenseXa
A iniciativa conta coa colaboración da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, o Campus da Auga e Termatalia
presentacion-programa-termalismo-ourense
9 Jul 2025

A Deputación de Ourense, a través da Área de Benestar, presenta un novo programa experimental que utiliza o termalismo como terapia no tratamento da artrose de xeonllo. Esta iniciativa, pioneira en España, busca poñer en valor a hidroloxía médica e o seu potencial para ser considerada unha tecnoloxía sanitaria.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que este proxecto é “unha proba máis da cooperación institucional” e que a intención da Deputación é que “o termalismo non sexa só un slogan, senón unha realidade”.

O programa poñerase en marcha a próxima semana no balneario de Laias, onde ata 40 pacientes, dos cales xa hai 30 interesados, realizarán durante nove días un tratamento baseado en diferentes técnicas termais arredor da auga, deseñadas por especialistas médicos para analizar os beneficios da balneoterapia na súa doenza. Os médicos de Atención Primaria seleccionaron os participantes segundo criterios médicos para avaliar o efecto das augas na artrose.

Luis Menor subliñou o carácter “pioneiro” do programa, xa que é a primeira vez en España que se desenvolve un programa destas características centrado nunha patoloxía específica coa implicación directa de profesionais médicos e sanitarios.

“O programa é un paso máis na constante innovación de programas referentes a nivel estatal, como o termalismo social”, indicou Menor, que tamén mencionou o crecemento do programa contra a soidade non desexada, que en tres anos pasou de 30 a 200 usuarios e que conta coa participación de 22 municipios.

Ademais, o presidente destacou a incorporación do balneario de Allariz ao programa de termalismo social e os beneficios que traerá a próxima apertura do balneario de Berán. “O termalismo social está no seu mellor momento e con mellores cifras tras a covid; non só mantemos usuarios, senón que crecemos”, afirmou.

O obxectivo, segundo Menor, é que a oferta termal siga medrando con criterios de “innovación e eficacia”.

Pola súa banda, José Juan Cerdeira, director da Área de Benestar da Deputación, cualificou este programa experimental como “un paso máis, un avance” nas iniciativas termais da institución, e destacou o “liderado” de Ourense neste tipo de proxectos. “Laias será un laboratorio que marcará o camiño para que no futuro se poidan desenvolver programas centrados noutras patoloxías”, asegurou.

Dolores Fernández, da cátedra de Hidroloxía Médica da USC, explicou que a artrose foi escollida para este programa por ser unha patoloxía frecuente e polas posibilidades de mellora que ofrecen as terapias termais, avaladas noutros países.

Montserrat Cruz, profesora do Campus Auga e organizadora do Congreso Internacional de Balneoterapia, cualificou a iniciativa como un “estudo relevante” para dito congreso, que incluirá unha xornada de portas abertas para coñecer este programa experimental.

Finalmente, Rogelio Martínez, director xerente de Expourense e Termatalia, valorou a cooperación institucional no sector termal, sinalando que “se avanzou máis no último ano que nos últimos dez”.

⚙ Configurar cookies
0.16686487197876