A Deputación de Ourense lanza unha liña de axudas para mulleres emprendedoras menores de 35 anos

OurenseXa
A axuda consiste no aboamento de 592 euros durante o mes de outubro para aquelas emprendedoras que creasen a súa propia empresa nos últimos tres anos
pazo-provincial-da-deputacion-de-ourense
5 Aug 2025

A Deputación de Ourense puxo en marcha un novo programa de apoio ao emprendemento feminino, con axudas económicas dirixidas a mulleres menores de 35 anos que creasen a súa propia empresa nos últimos tres anos. A iniciativa, que se enmarca na área de Benestar, ten como obxectivo reforzar a visibilidade do emprendemento en clave de igualdade e fomentar o asociacionismo entre as emprendedoras da provincia.

A axuda consiste no pagamento de 592 euros —equivalente ao 50 % do Salario Mínimo Interprofesional— durante o mes de outubro. Esta contía pretende recoñecer a achega das mulleres emprendedoras ao desenvolvemento económico e social, especialmente no medio rural. A Deputación prevé que esta convocatoria teña continuidade nos vindeiros anos, ampliando progresivamente a idade máxima de acceso e consolidando unha rede provincial de emprendedoras con actividades anuais cada mes de outubro.

O prazo de solicitudes ábrese este mércores, 6 de agosto, e permanecerá aberto ata o 15 de outubro ou ata esgotar os fondos dispoñibles. As interesadas deben estar empadroadas nalgún concello da provincia, ter entre 16 e 34 anos e ter iniciado unha actividade por conta propia despois do 1 de xaneiro de 2023, con polo menos seis meses de antigüidade.

Tamén poderán acceder aquelas que desenvolvan a súa actividade mediante fórmulas como sociedades civís, comunidades de bens, cooperativas ou entidades de economía social, sempre que presenten a solicitude a título individual.

Toda a información, incluídas as bases da convocatoria, está dispoñible na web habilitada pola Deputación: www.emprendedoraou.com. Ademais, habilitouse o teléfono 988 317 863 para resolver dúbidas relacionadas co proceso de solicitude.

En paralelo, a institución provincial prepara para o mes de outubro un conxunto de actividades centradas no emprendemento feminino, entre as que destaca un foro de emprendedoras que permitirá dar visibilidade a proxectos cun especial impacto social na provincia.

⚙ Configurar cookies
0.09141993522644