A Deputación de Ourense leva a cabo a renovación de máis de 46.000 contadores de auga na provincia

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, supervisou a instalación de contadores de auga intelixentes no Concello da Peroxa, un dos 74 municipios beneficiados por esta acción enmarcada no proxecto OU-Intelixente da Deputación, que lidera para aumentar a eficiencia dos servizos hidráulicos na provincia.
Participaron na visita o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, o deputado de Medio Ambiente, José María Lago, o director da Área de Medio Ambiente, Javier Bobe e o xerente de AquaOurense, Víctor Comesaña.
Luis Menor destacou que os técnicos xa teñen instaladas o 70% das unidades, acadando máis de 46.000 contadores en toda a provincia. “Estas cifras son a mellor proba do esforzo técnico e humano da Deputación a prol dun obxectivo estratéxico como é a modernización da xestión de auga na provincia”, sinalou o presidente provincial.
No marco desta renovación masiva do parque de contadores da provincia, un dos obxectivos, tal e como lembrou menor, é “liberar ás familias e aos pequenos municipios dun gasto que, en condicións normais, podería superar os 120 euros por vivenda”. Deste xeito, a instalación será sen coste para a veciñanza.
Víctor Comesaña, xerente de AquaOurense, (empresa mixta formada pola Depuación e Viaqua) explicou o funcionamento dos novos contadores, que se poderán controlar vía remoto, fronte a lectura física que se viña facendo anteriormente cada 90 días. “Agora podemos controlar en tempo real o consumo e detectar anomalías como posibles fugas, subsanándoas o momento para beneficiar aos veciños”, explicou.
Os técnicos de AquaOurense percorreron dende 2022 centos de kilómetros á semana para preparar, instalar e analizar ata 818 actuacións previstas no PERTE OU-Intelixente.
Na actualidade, xa se traballou en 60 concellos e a previsión é acadar os 74 a final de ano, culminando a instalación dos máis de 65.000 contadores no primeiro trimestre de 2026. Na súa totalidade, o proxecto inclúe 79 concellos beneficiarios en diversas actuacións de mellora do ciclo da auga.
Por outra banda, o servizo de Medio Ambiente xa traballa na dixitalización de estacións de potabilización e de depuración de augas residuais.
O PERTE da auga é a maior inversión de fondos da Deputación, con máis de 13 millóns de euros, (que se elevan a 16.324.087,55 euros co IVE).
"OU-intelixente" foi a segunda mellor proposta de España e a primeira de Galicia para dixitalizar a xestión do ciclo da auga na convocatoria dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Reto Demográfico (MITECO). Este logro supón contar cun financiamento europeo de 7,75 millóns de euros para aplicar as últimas tecnoloxías ao tratamento e control dun recurso básico e estratéxico como é a auga. Para este proxecto, a Deputación achega o 42,52% do financiamento (5,73 millóns de euros).
Entre os obxectivos concretos do proxecto tamén se inclúe a creación dun centro dixital para a xestión integral da operativa da auga; a implantación dun hub tecnolóxico onde integrar datos e realizar predicións grazas ao Big Data e Intelixencia Artificial, converténdoo nun lugar aberto á cidadanía e un espazo de co-creación co ecosistema emprendedor da provincia.