A Deputación de Ourense mobiliza 135.674 euros en axudas para emprego, infraestruturas e cultura

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe sete acordos con destino a fortalecer o emprego xuvenil, mellorar infraestruturas municipais e apoiar iniciativas culturais na provincia, cun investimento total de 135.674,21 euros.
Entre as medidas aprobadas destaca a asignación de 47.000 euros ao Concello de Boborás para programas de emprego xuvenil, incluíndo un programa específico e un obradoiro dual de emprego que combina formación e traballo remunerado.
En materia de infraestruturas, a Deputación destina case 60.000 euros ao Concello de Taboadela para urbanización e recuperación dun espazo recreativo e natural. O Concello da Peroxa recibirá 10.000 euros para a mellora da rede de saneamento en Vilar, e o Concello de Vilar de Barrio contará con máis de 13.600 euros para a instalación de cubertas verdes enfocadas a aumentar a biodiversidade e a sustentabilidade.
Ademais, a institución provincial aprobou a venda dunha obra incluída no Plan Anual de Publicacións de 2025, relacionada coa Vía da Prata, que terá un prezo público de 25 euros máis IVE.
No ámbito cultural, a Deputación concedeu unha subvención de 5.000 euros á Fundación Araguaney–Puentes de Cultura para apoiar o Festival Amal en Ruta, reafirmando así o seu compromiso coa dinamización cultural na provincia.