A Deputación de Ourense mobiliza 400.000 para consolidar o Programa ChegOU de apoio ás familias

OurenseXa
Tamén se aprobou na Xunta de Goberno a mobilización de máis de 461.000 euros en axudas directas a 14 concellos
menor-xunta-de-goberno
2 Mar 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá a mobilización dun total de 861.476,21 euros, destinados a reforzar a colaboración cos concellos da provincia e consolidar o Programa ChegOU de apoio ás familias.

Do total, máis de 461.000 euros corresponderán a axudas directas para 14 concellos, destinadas principalmente a melloras de infraestruturas, saneamento, alumeado público, equipamento municipal e actuacións viarias. As achegas asignadas aos distintos municipios oscilan entre os 1.900 euros para O Bolo e os 68.288 euros para Monterrei, permitindo executar proxectos que dan resposta a necesidades inmediatas da veciñanza e reforzan o equilibrio territorial, sobre todo nos municipios máis pequenos.

Os 400.000 euros restantes destínanse ao Programa ChegOU 2026, unha iniciativa provincial de fomento da natalidade que se mantén estable respecto aos últimos anos, reforzando o apoio ás familias e a equidade territorial. O presidente da Deputación, Luis Menor, sinalou que “non hai recortes nin improvisacións; hai estabilidade e compromiso para garantir que este apoio chegue a todos os fogares que o precisen”.

O programa recolle medidas de protección progresivas: os concellos de grao 0 e 1 recibirán 300 euros por familia, mentres que os de grao 2 e 3 contarán con 500 euros. Tamén se consolidan os plus por discapacidade e familias numerosas, chegando ata 1.000 euros en casos de discapacidade igual ou superior ao 33 % e 250 euros adicionais para familias numerosas.

Ademais, o ChegOU incorpora innovación administrativa, permitindo tramitar solicitudes mediante firma biométrica vocal, sen necesidade de certificado dixital e mesmo desde hospitais tras o parto. En 2025, 170 solicitudes realizáronse mediante este sistema, procedentes de 43 concellos, reducindo desprazamentos en máis de 4.800 quilómetros.

O apoio material materialízase a través dunha tarxeta electrónica ChegOU, válida para gastos de produtos de hixiene, alimentación e saúde do bebé, que estará activa ata o 31 de maio de 2027. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata finais de 2026, con extensión ata xaneiro de 2027 para nacementos a finais de ano.

Menor destacou que a Deputación reafirma así o seu papel como administración próxima ao territorio, centrada en resolver problemas concretos e garantir igualdade de oportunidades en toda a provincia, consolidando un modelo estable, equitativo e moderno que combina rigor orzamentario, protección reforzada ás familias e modernización administrativa.

0.12067198753357