A Deputación de Ourense mobiliza máis de 630.000 euros en novas axudas para cooperación, turismo e cultura

OurenseXa
A institución provincial aprobou destinar 212.000 euros á construción de ecoaloxamentos turísticos, 99.983 euros a entidades sen ánimo de lucro, 275.339 á cooperación municipal e 42.500 euros en axudas a diversas entidades culturais e deportivas
fachada-pazo-provincial-deputacion-de-ourense
14 Oct 2025

A Deputación de Ourense aprobou na súa última Xunta de Goberno a mobilización de 629.822,95 euros en distintas liñas de axuda destinadas a impulsar a cooperación municipal, mellorar a oferta turística e apoiar entidades culturais e deportivas da provincia.

Unha parte importante deste investimento, 212.000 euros, destinarase á construción de ecoaloxamentos turísticos nos concellos integrados no Plan de Sostibilidade Turística “Ourense Colle Velocidade. Vilas Históricas e Termais”. Estas subvencións teñen como obxectivo fomentar o turismo sostible en localidades con escasa ou nula oferta de infraestruturas turísticas. Os proxectos seleccionados, unha vez resoltas as alegacións, localizaranse nos concellos de Cenlle, Lobios e Ribadavia.

Esta iniciativa forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration EU, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

Ademais, a Deputación resolveu a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2025. Un total de 96 asociacións recibirán axudas por un importe conxunto de 99.983 euros.

No eido da cooperación municipal, aprobáronse tamén axudas por valor de 275.339,64 euros para sete concellos da provincia —Lobeira, Carballeda de Valdeorras, Entrimo, Monterrei, Verín, Cortegada e Bande— destinadas á mellora de infraestruturas, equipamentos e espazos públicos.

Por último, a institución provincial concederá 42.500 euros en axudas a diversas entidades culturais e deportivas, entre elas a Coordinadora da Festa da Historia, a Federación Galega de Remo, a Federación de Xogadores de Mus e o programa de orientación Rumbo. Tamén se aprobaron modificacións puntuais do Plan CooperOU solicitadas polos concellos de Carballeda de Avia, Castro Caldelas e Rubiá.

⚙ Configurar cookies
0.072571039199829