A Deputación de Ourense mobiliza preto de 700.000 euros na cooperación con concellos e entidades

OurenseXa
Os municipios de Entrimo, A Mezquita, Monterrei, Arnoia, Beade, O Irixo, Maceda, Rubiá, Vilamarín de Valdeorras e Xunqueira de Espadanedo percibirán achegas da Deputación por importe de 385.112,25 euros
pazo-provincial-deputacion-de-ourense-recurso
Pazo Provincial da Deputación de Ourense
17 sep 2024

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar un total de 695.539,75 euros en axudas para municipios e diferentes entidades culturais e deportivas da provincia.

Así, no que atinxe aos municipios, en total destínanse 385.112,25 euros. Así, o Concello de Entrimo percibirá 30.000 euros para a urbanización da contorna das vivendas públicas Terrachán; o Concello de A Mezquita obterá 6.000 euros para actividades sociais e culturais; o Concello de Monterrei percibirá 15.000 euros para a III Festa da Vendima, así como 50.000 euros para o convenio de conservación do Castelo de Monterrei coa Xunta, que é así ratificado.

O Concello de Arnoia, pola súa banda, recibirá 16.612,26 euros para mellora da eficiencia enerxética en viarios e edificios municipais; ao Concello de Beade concedéronselle 14.000 euros para o arranxo do terrade do alpendre no San Roque, así como 36.000 euros para limpeza e rozadura en camiños municipais e franxas de protección. O Concello do Irixo recibirá 12.000 euros para a rehabilitación da capela de San Roque, na Esfarrapa. Para o arranxo da ponte de Couzada, o Concello de Maceda obterá 59.999,99 euros; mentras que o Concello de Rubiá terá 48.000 euros para pavimentación en Sobredo e outros 12.000 euros para pavimentación no Val. Vilamartín de Valdeorras obterá 60.000 euros para as obras da II fase de acondicionamento da rúa Justino Fernández; e o Concello de Xunqueira de Espadanedo recibirá 25.500 euros para o mantemento e dinamización no Museo Taller-Olería de Niñodaguia.

Tamén no capítulo de cooperación cos concellos, na orde do día contempláronse a probáronse tres modificacións do Plan CooperOU que afectan aos concellos da Merca, A Mezquita e á entidade local menor de Berán, por petición destes organismos.

No tocante ás entidades culturais e deportivas, que recibirán un total de 310.427,5 euros en axudas, a Fundación Carlos Velo recibirá 225.000 euros para o Festival de Cine OUFF2024; o Club Polideportivo Athlos de Ourense terá 15.000 euros para gastos de funcionamento; a Asociación Club recreativo As Burgas recibirá 15.427,50 euros para obras de adaptación dos seus locais interiores. A Asociación Cultural Caño do Norte obterá 5.000 euros para equipos de son con microfonía e instrumentos musicais e, por último, o Club Deportivo Náutico de Castrelo de Miño percibirá 50.000 euros para gastos de xestión, explotación, montaxe, desmontaxe, almacenamento, mantemento e conservación do pantalán deste municipio.

Bases do novo programa de termalismo

Aprobouse tamén o regulamento do novo programa de termalismo, dirixido ás persoas afectadas por lesión medular así como aquelas persoas que sufriran accidentes cerebro vasculares (ACV ) ou sofren enfermidades dexenerativas.

Dotado cun orzamento total de 25.000 euros, no programa participan os balnearios de O Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada, Caldas de Partovia, Berán e Allariz, en cuxas instalacións ofreceranse os tratamentos e servizos que se subvencionarán aos beneficiarios do plan.

Estas axudas serán do 50% no prezo sinalado para cada sesión, subvencionándose como máximo unha sesión por semana e persoa cun prezo máximo de 25 euros por usuario. A achega máxima que poderá obter cada beneficiario será de 1.000 euros ao longo do programa, e sempre entre o 1 de febreiro e o 30 de novembro.

As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación das bases do programa no BOP, que será simultánea a súa publicación na base de datos nacional de subvencións.

O programa implica o acceso a unha terapia termal individual que será definida polo establecemento balneario baixo criterios sanitarios. En todos os casos inclúese consulta médica á chegada do beneficiario ao balneario, que necesariamente ten que autorizar a persoa solicitante do programa o acceso a unha terapia de este tipo, que terá unha duración máxima de 10 meses.

Este programa enmárcase no labor que a Deputación de Ourense desenvolve desde hai mais de dez anos, xunto cos balnearios da provincia, para promover o benestar persoal e social e unha vida mais saudable das persoas.

O colectivo de persoas afectadas por lesións medulares, accidentes cerebro vasculares e enfermidades dexenerativas, teñen unha alta potencialidade de ver limitada a súa capacidade de realizar actividades de vida cotiá, sendo unha das actividades recomendadas a rehabilitación ou estimulación a través da hidroterapia, dado que se trata dun recurso terapéutico con múltiples áreas de actuación.

Protección Civil

Aprobáronse tamén as bases reguladoras e a convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, correspondentes ao exercicio 2024. A convocatoria conta cun orzamento de 75.000 euros e cada beneficiario poderá obter un máximo de 1.500 euros, a través do procedemento de concorrencia competitiva, cofinalidade de colaborar economicamente nos gastos de natureza corrente para posibilitar o seu funcionamento dentro dos respectivos concellos, no exercicio 2024.

0.17018699645996