A Deputación de Ourense obtén unha axuda de 1.260.000 euros para a modernización do padrón municipal
A Deputación de Ourense vén de ser unha das entidades beneficiarias da convocatoria de proxectos de transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal das entidades locais, convocada polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A institución provincial logrou unha axuda de 1.260.000 euros para levar a cabo o seu proxecto “Padrón OnLine” para a modernización do padrón de habitantes de todos os concellos da provincia de Ourense. Trátase dun novo sistema de xestión do padrón municipal que permitirá o intercambio de información, en tempo real, entre os padróns de cada municipio da provincia e entre os propios padróns municipais e o Instituto Nacional de Estatística.
A Deputación, reforza así, a cooperación cos concellos da provincia cunha nova vía de colaboración que reportará importantes beneficios para a cidadanía e para as propias institucións como son: a posibilidade de coñecer a evolución da poboación con maior frecuencia, a implantación dunha base de datos de fogares ou convivintes diferenciada da base de datos de persoas, dispoñer de información territorial unificada de referencia ou ofrecer servizos homoxéneos aos cidadáns.
Para a execución do proxecto, que está previsto que estea finalizado en xullo de 2025, a Deputación xa conta cos escritos de adhesión de todos os concellos da provincia. Ademais, xa está subscrito un convenio co Instituto Nacional de Estatística para a cesión da información procedente da base padroal do propio INE.
A Deputación licitará no mes de agosto os correspondentes contratos para a execución do proxecto co obxectivo de que os traballos poidan iniciarse no mes de outubro.