A Deputación de Ourense participa nun proxecto europeo para impulsar a implicación cidadá no rural

A Deputación de Ourense participa como socia nun proxecto europeo centrado en reforzar a implicación cidadá no medio rural e en mellorar a conexión entre as institucións e a poboación. A iniciativa, impulsada baixo o título “Cartografía da participación: da desconexión rural á acción democrática”, está liderada por Partenalia e enmárcase dentro do proxecto ProVote.
O deputado de Dinamización do Medio Rural, Xosé Miguel Pérez Blecua, foi o encargado de presentar a iniciativa nun acto no que estiveron presentes representantes municipais de varios concellos da provincia. Durante a presentación púxose o foco na necesidade de achegar a democracia ao territorio e de xerar espazos de participación adaptados á realidade rural.
O proxecto ten como obxectivo combater a desconexión institucional que se detecta nestes contornos, promovendo ferramentas de participación cidadá, encontros locais e dinámicas colaborativas que permitan trasladar as demandas da poboación ás políticas públicas. Ademais, contempla accións de formación, dinamización e diálogo directo co territorio, combinando ferramentas dixitais con espazos presenciais.
Neste contexto, Pérez Blecua destacou que “a democracia tamén se constrúe dende o rural, escoitando ás persoas e xerando espazos de participación real”, subliñando o compromiso da Deputación co equilibrio territorial e a dinamización social dos municipios da provincia.