A Deputación de Ourense presenta un programa orientado á capacitación dixital da veciñanza do rural

A Deputación de Ourense inicia este mes a execución do programa “Ourense Reto Rural Dixital”, unha iniciativa orientada á capacitación dixital de 6.000 persoas do ámbito rural da provincia. O obxectivo principal é favorecer a adquisición de competencias dixitais básicas, permitindo aos participantes comunicarse, informarse, realizar transaccións e interactuar coas Administracións Públicas con maior confianza e seguridade.
O programa, financiado a través do Programa Nacional “Reto Rural Digital” no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-Next Generation EU, centra a súa acción en colectivos como persoas maiores, mulleres, infancia e xuventude, así como persoas desempregadas. Ata o momento, 67 concellos da provincia xa se sumaron á iniciativa, xunto con 17 asociacións de interese social que prestan servizos á cidadanía. A Deputación mantense en contacto cos 25 municipios restantes para incorporalos de forma inmediata.
As accións formativas serán gratuítas e terán unha duración de 7,5 horas lectivas, ofrecéndose en modalidades tanto presenciais como en liña.