A Deputación de Ourense presenta unha estratexia termal baseada en programas sociais

OurenseXa
A institución provincial apostará por “personalizar o termalismo” creando diferentes modalidades de programas e perseguindo iniciativas públicas orientadas á mellora da saúde física e mental
Delegación ourensá no Encontro-Asemblea de Vilas Termais
25 Oct 2025

O presidente da Deputación de Ourense e da sección de Vilas Termais da FEMP, Luis Menor, participou este venres en Vega de Tirados (Salamanca) nun panel de experiencias centrado no aproveitamento do termalismo como ferramenta para o desenvolvemento de políticas sociais. A súa intervención enmarcouse dentro da XVIII Asemblea de Vilas Termais, onde explicou o modelo impulsado pola institución provincial ourensá.

Menor destacou que o traballo das entidades locais neste eido debe basearse en programas “planificados e continuados”, orientados a consolidar “unha verdadeira e duradeira cooperación público-privada con todo o sector termal”. O obxectivo, subliñou, é integrar aos centros termais como parte activa das políticas sociais que desenvolven as administracións.

O presidente provincial lembrou que, no caso de Ourense, cada un dos balnearios actúa como “un axente de cooperación público-privada que colabora na xestión da subvención” destinada á cidadanía, co fin de fomentar o uso destas instalacións. Engadiu que a Deputación aposta por facer os programas o “máis accesibles posibles”, implantando unha tramitación 100 % online, dispoñible en calquera momento do día e que incorpora a sinatura biométrica bocal para simplificar o proceso.

Menor explicou tamén que a institución aposta por “personalizar o termalismo”, adaptando os programas ás necesidades de distintos colectivos e promovendo accións orientadas á mellora da saúde física e mental. “Cada ano incrementamos o peso das modalidades orientadas aos colectivos máis vulnerables”, sinalou, citando iniciativas como o programa contra a soidade non desexada ou o dirixido a persoas con deterioro cognitivo leve.

O presidente expresou a súa “especial satisfacción” coa colaboración establecida entre a Deputación e os servizos sociais de Massanassa, destinada a persoas afectadas pola DANA, unha iniciativa que, segundo explicou, serviu tanto para ofrecer apoio como para dar visibilidade aos centros termais. “O maior incremento de accesos á web do balneario no que se realizou esta actuación veu da Comunidade de Valencia”, apuntou.

En canto ao impacto económico, Menor destacou que os resultados avalan esta aposta, salientando que “este ano é o primeiro no que todos os hoteis balnearios da provincia estean abertos en decembro a través de programas sociais”. Dende o inicio do plan provincial, máis de 26.000 persoas beneficiáronse das iniciativas termais, con preto de 100.000 pernoitas, máis de 200.000 técnicas termais aplicadas e un impacto económico superior aos 7 millóns de euros. Ademais, arredor do 70 % dos usuarios proceden de fóra da provincia.

Para rematar, o presidente da sección de Vilas Termais da FEMP animou aos asistentes a fortalecer as alianzas, tanto cos propios balnearios como entre os distintos territorios, e reivindicou este espazo como o “lugar idóneo” para facer que cada ano as políticas sociais de termalismo sexan “de maior utilidade” para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.076517105102539