A Deputación de Ourense presenta unha guía de apoio ás persoas coidadoras en colaboración co Sergas

OurenseXa
Baixo o lema “Coidarse para coidar”, a guía ofrece apoio emocional, orientación psicolóxica e consellos prácticos sobre alimentación, hixiene, mobilizacións, xestión do estrés e actuación ante situacións de urxencia
menor-guia-coidadores
11 Feb 2026

A Deputación de Ourense presentou este martes unha Guía para Persoas Coidadoras, elaborada en colaboración co Servizo Galego de Saúde (Sergas), co obxectivo de ofrecer apoio práctico e emocional a quen atende persoas maiores, dependentes ou enfermas na provincia.

Durante o acto, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o presidente provincial, Luis Menor, puxo o foco no papel que desempeñan as persoas coidadoras, ao que definiu como “esencial, profundamente humano e durante demasiado tempo invisible”. Na súa intervención destacou que a publicación “non é só un manual técnico, senón un recoñecemento público a un traballo diario que durante moito tempo permaneceu invisible, pero que sostén a vida de moitas persoas”, subliñando ademais que “non hai tarefa máis xenerosa nin máis necesaria ca a do coidado”.

A iniciativa xorde nun contexto demográfico marcado polo avellentamento da poboación ourensá. Neste sentido, Menor sinalou que as persoas coidadoras constitúen “un piar fundamental do benestar social” e lembrou que a tarefa de coidar implica desgaste físico e emocional. “Coidar non é doado, cansa e moitas veces faise en soidade, e por iso as administracións temos a obriga de acompañar e ofrecer ferramentas útiles”, afirmou.

A guía é froito da cooperación entre a institución provincial e a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, e contou coa participación dun equipo multidisciplinar formado por profesionais de enfermaría, nutrición, traballo social, fisioterapia e medicina. En total, 59 persoas interviñeron na súa elaboración e revisión. O presidente quixo agradecer ese traballo e destacou que “esta guía non se fixo só desde os despachos”, xa que tamén recolle experiencias directas de persoas coidadoras de distintos concellos da provincia para garantir a súa utilidade práctica.

Baixo o lema “Coidarse para coidar”, o documento ofrece pautas sobre alimentación, hixiene, mobilizacións, xestión do estrés e actuación ante emerxencias, ademais de orientación psicolóxica e apoio emocional. Segundo explicou Menor, está concibido para “acompañar, aliviar e dar respostas reais ás necesidades das persoas coidadoras”.

A publicación dispón tamén dunha versión dixital accesible mediante código QR, o que permitirá a súa actualización permanente e facilitará o acceso desde dispositivos móbiles. Ademais, esta ferramenta permitirá coñecer de forma anónima o uso que se fai do documento, co fin de adaptar a resposta asistencial ás necesidades reais da cidadanía.

Na súa intervención, o presidente provincial asegurou que esta iniciativa “marca un punto de inflexión” na coordinación entre o ámbito sanitario e os servizos sociais, apostando por unha maior cooperación entre profesionais de enfermaría, o traballo social municipal e o terceiro sector. “Coidar a quen coida non é unha opción política, é un deber moral e unha necesidade social para garantir o futuro da nosa provincia”, afirmou, insistindo na importancia de atender tamén a saúde mental de quen coida.

O acto concluíu cunha mensaxe de recoñecemento ás persoas coidadoras por “facer de Ourense unha provincia máis humana” e cun chamamento final: “Fagamos entre todos unha provincia que coida”.

⚙ Configurar cookies
0.082612037658691