A Deputación de Ourense presenta unha modificación de crédito de máis de 27,8 millóns de euros

OurenseXa
A proposta está destinada a reforzar áreas como infraestruturas viarias, medio ambiente, programas sociais, cultura, deporte e promoción turística e economía
luis-menor
16 Mar 2026

A Deputación de Ourense presentou este luns un expediente de modificación de crédito por un importe superior a 27,8 millóns de euros destinado a reforzar distintas áreas de actuación da institución provincial, incluíndo infraestruturas viarias, medio ambiente, programas sociais, cultura, deporte e promoción turística e económica. O documento, que será tratado na comisión informativa especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos convocada para este mércores, supón o primeiro movemento de fondos do ano, aínda que, como novidade para 2026, a Deputación prevé presentar unha segunda modificación no pleno de abril centrada exclusivamente na cooperación cos concellos e entidades.

Segundo explicaron fontes do Goberno provincial, a proposta busca reforzar a actividade ordinaria das distintas áreas que no proxecto de orzamentos tiveron que axustar as súas necesidades para financiar o Plan CooperOU, dotado con 19 millóns de euros. A modificación complétase con partidas para colaboración con outras administracións, destacando convenios coa Xunta de Galicia, programas de apoio a sectores estratéxicos como o agroganadeiro e un reforzo do plan de rehabilitación de vivenda.

O expediente divídese en suplementos de créditos, aos que se destinan 19,1 millóns de euros, e créditos extraordinarios con máis de 8,7 millóns, todos con cargo ao remanente de tesourería do pasado exercicio. Entre os investimentos máis destacados, para infraestruturas viarias incorpóranse máis de 5 millóns, que sumados aos 4,5 millóns consignados nos orzamentos elevan o investimento a 9,5 millóns, unha cifra histórica para a rede provincial de vías.

No ámbito do medio ambiente, consígnanse 7,5 millóns, dos que 5,6 millóns van destinados a gastos correntes e 1,9 millóns a investimentos reais, para reforzar a recollida de lixo, mellorar instalacións e renovar a flota. En programas sociais, a área de Benestar contará con 1,3 millóns para proxectos en colaboración con concellos. Cultura e deporte recibirán 1,6 millóns para a organización de actividades, fomento da práctica deportiva e melloras en centros culturais e deportivos, destacando o plan provincial de lectura con 350.000 euros e novas axudas para técnicos deportivos por valor de 20.000 euros.

En materia de emerxencias, o Consorcio provincial contra Incendios e de Salvamento (CIS) completa os seus recursos con máis de 1,4 millóns, aos que se suman 768.000 euros para os GES e Protección Civil, elevando os fondos a máis de 2,2 millóns nesta modificación. O Instituto Ourensán de Desenvolvemento (Inorde) recibirá 450.000 euros para dinamizar recursos turísticos e cofinanciar proxectos europeos vinculados ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

A modificación tamén inclúe partidas específicas para programas e convenios recentemente comprometidos pola Deputación, entre eles o remate das obras do Parque Acuático de Monterrei (2,4 millóns), a mellora das prazas de abastos da provincia (440.000 euros), axudas a agricultores e gandeiros para minimizar custes e fomentar boas prácticas agropecuarias (350.000 euros), o plan de rehabilitación de vivenda (1,2 millóns) e cofinanciamento dos Plans de Actuación Integrados en Ourense Sur (1,5 millóns) e Valdeorras (500.000 euros). Ademais, destínanse recursos á colaboración coa UNED (200.500 euros) e a Universidade de Vigo (59.000 euros), ao programa de fomento do emprego EmprendOU (150.000 euros), á Estación de Montaña de Manzaneda xestionada por Meisa (493.725 euros) e ao Museo Galego do Entroido, para a apertura provisional ata xuño (50.000 euros).

Con esta modificación de crédito, a Deputación pretende non só atender as necesidades ordinarias de funcionamento das súas áreas, senón tamén impulsar accións que reforcen a cooperación institucional, o desenvolvemento económico e social da provincia e o aproveitamento do seu potencial cultural e turístico.

0.12396502494812