A Deputación de Ourense presenta uns orzamentos para 2026 que superan os 110 millóns de euros

O equipo de goberno da Deputación de Ourense, encabezado por Luis Menor, presentará o próximo mércores na Comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos a proposta de orzamentos para o ano 2026, que alcanzan os 110,4 millóns de euros, supoñendo un incremento do 5,11 % respecto ao exercicio actual, cun aumento de 5,375 millóns.
O eixo principal destes orzamentos é o Plan CooperOU, que contará cun investimento total de 19 millóns de euros, un millón máis que no presente ano. Este plan reflíctese en dous capítulos: o capítulo IV, de transferencias correntes, con máis de 11,4 millóns de euros, e o capítulo VII, de investimentos, con máis de 7,6 millóns.
No capítulo II, destinado a gastos correntes en bens e servizos para o funcionamento da Deputación, asignaranse 28,63 millóns de euros. Dentro deste capítulo destaca a área de Medio Ambiente, que contará con 8,6 millóns para servizos relacionados co ciclo da auga, o tratamento de residuos e as zonas verdes. Para Vías e Obras, incluíndo parque de maquinaria e cooperación, asignaranse case 4 millóns. Tamén se contemplan partidas para Cultura (3,1 millóns), Deportes (aproximadamente 1 millón) e Benestar (1,2 millóns). Destaca tamén un incremento significativo na área de Transparencia e Goberno Aberto, que alcanzará os 3,3 millóns, financiados con recursos captados no marco dos fondos europeos Next Generation para proxectos como “Ourense, cerca de ti” (1,3 millóns), o padrón en liña para os concellos (1,3 millóns) e o plan de capacitación dixital (700.000 euros).
No capítulo IV, de transferencias correntes, que supón o 18,85 % do orzamento xeral con 20,82 millóns, inclúense achegas ao Consorcio contra Incendios e Salvamento (750.000 euros), o INORDE (2,4 millóns), acción social a través do Servizo de Axuda no Fogar e outras iniciativas con entidades (2,3 millóns), fomento do deporte, incluíndo o Club Ourense Baloncesto (1,1 millóns), Protección Civil (1,6 millóns), Cultura (720.000 euros, dos que 250.000 destinados ao OUFF) e o Plan CooperOU (11,4 millóns).
En canto aos investimentos reais (capítulo VI), a Deputación contará con 9,8 millóns, o 8,87 % do total. Destacan 4,5 millóns para mantemento e mellora dos 1.850 quilómetros de estradas provinciais, aos que se engadirán 5 millóns na próxima modificación de crédito. Tamén se inclúen partidas para augas e medio ambiente (1,6 millóns), Cultura e Deporte (933.000 euros), Informática e Transparencia (947.000 euros) e parque móbil e maquinaria (máis de 500.000 euros).
No capítulo VII, de transferencias de capital, a partida ascende a 8,56 millóns, cun aumento do 18,23 %, dos que 7,6 millóns se destinan ao Plan CooperOU. Outras achegas importantes inclúen 500.000 euros para os regantes da Limia, que subvencionan o plan de regadío na comarca; investimentos en melloras no abastecemento de auga na ETAP de Melias, en Pereiro de Aguiar; e 200.000 euros para o pavillón de deportes de Ribadavia.
Finalmente, o capítulo I, que abrangue persoal, conta cun orzamento de 42 millóns de euros, onde se inclúen 1,2 millóns para a actualización salarial pendente do goberno central (un 2 % de 2024 e outro 2 % de 2025). Tamén se destinan 1,1 millóns para o incremento de persoal laboral supramunicipal, especialmente para a recollida de lixo, e case 500.000 euros anuais para a carreira profesional.