A Deputación de Ourense reclamará ao Estado máis de 2 millóns de euros polos danos causados na rede viaria tras os temporais

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense deu conta este luns da presentación, ante o Goberno de España, das memorias xustificativas polos danos causados polos últimos temporais na rede viaria provincial, cifrados en 2.017.613,83 euros.
Esta documentación, explicou o mandatario provincial, Luis Menor, foi remitida ao Ministerio de Política Territorial co obxectivo de optar ás axudas previstas tras a declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil, referida aos temporais rexistrados entre o 10 de novembro de 2025 e o 9 de febreiro de 2026.
Os informes técnicos elaborados polos servizos provinciais describen diversas afeccións en diferentes puntos da rede viaria, entre elas o colapso de drenaxes por arrastres e sedimentos, deterioro de firmes con fochancas e perda de adherencia, deslizamentos de terra e danos estruturais en muros de contención.
Por iso, destacou Menor, trátase de actuacións necesarias para garantir a seguridade viaria e o bo estado das estradas provinciais, polo que a Deputación solicita ao Estado que cubra ata o 50 % destes investimentos, tal e como establece a normativa vixente. “Desde a Deputación imos ser firmes para que o Estado cumpra co que establece a normativa e cubra ata a metade destes fondos, permitindo así acelerar a reparación dos danos sufridos”, recalcou o presidente provincial.
Xunto a esta reclamación ao Goberno central, a Xunta de Goberno aprobou tamén 16 expedientes de cooperación municipal que suman 508.583,28 euros, destinados a actuacións en 13 concellos da provincia.
En concreto, as subvencións permitirán desenvolver actuacións en Barbadás, Beade, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Coles, A Gudiña, Petín, Porqueira, Rubiá, San Cibrao das Viñas, Sarreaus, Trasmiras e Vilamartín de Valdeorras.
As axudas están destinadas a diferentes intervencións de carácter municipal, entre elas melloras no abastecemento e saneamento, pavimentacións e actuacións na rede viaria, acondicionamento de espazos públicos, rehabilitación de equipamentos municipais e melloras en infraestruturas locais.
O presidente provincial salientou que, sumando estas axudas aos concellos e os recursos solicitados ao Estado para reparar os danos dos temporais, a Deputación está a mobilizar máis de 2,5 millóns de euros para a provincia de Ourense.
Neste sentido, subliñou que o obxectivo da institución provincial “é dar resposta ás necesidades dos concellos e garantir que os investimentos cheguen a todo o territorio, reforzando ao mesmo tempo a seguridade e o mantemento das infraestruturas provinciais”.