A Deputación de Ourense reforma a cooperación en Maside e Vilar de Santos
Durante un encontro de traballo no Pazo Provincial, o presidente Luis Menor repasou co alcalde, José Manuel Iglesias, as actuacións coas que vén cooperando a Deputación con este municipio, que percibirá máis de 800.000 euros no actual mandato a través do Plan CooperOU .
A Deputación de Ourense fai posible a reforma da cuberta e o acondicionamento das fachadas do edificio que alberga a Casa de Cultura de Maside. Así o salientou o presidente da Deputación, Luis Menor, durante o encontro de traballo que mantivo no Pazo Provincial co alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, para repasar as actuacións levadas a cabo en colaboración coa institución provincial.
Durante a xuntanza, Luis Menor lembrou que o Concello de Maside percibirá máis de 800.000 euros ao longo do mandato 2023-2027 a través do Plan CooperOU. Tamén analizaron posibles liñas de cooperación para futuras actuacións en materia de infraestruturas deportivas e viarias do municipio.
Vilar de Santos recibirá un orzamento de máis de 125.000
Ademais, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial ao alcalde de Vilar de Santos, Antonio Míguez, para repasar os proxectos de cooperación realizados entre ambas administracións. Co novo plan de Cooperación da Deputación de Ourense, o Concello de Vilar de Santos recibirá este ano un orzamento de máis de 125.000 euros da institución provincial. “Trátase, como xa anunciamos no seu momento, dun investimento que se irá incrementando en cada exercicio e que permitirá ao Concello de Vilar de Santos dispoñer de máis de medio millón de euros no mandato 2023-2027”, salientou o presidente provincial.