A Deputación de Ourense reivindica o papel dos concellos rurais nun encontro en Romanía

OurenseXa
O deputado de Dinamización do Medio Rural da Deputación de Ourense, Xosé Miguel Pérez Blecuam participou este martes nun encontro organizado pola rede de gobernos locais intermedios Partenalia
dep-ourense-encontro-romanía
10 Mar 2026

O deputado de Dinamización do Medio Rural da Deputación de Ourense, Xosé Miguel Pérez Blecua, participou en Brașov (Romanía) nun encontro organizado pola rede de gobernos locais intermedios Partenalia, baixo o título “Fortalecer as voces dos lugares remotos e as zonas rurais”. No acto, Pérez Blecua defendeu a importancia de reforzar a presenza e a voz dos territorios rurais no debate político europeo.

Durante a súa intervención, o deputado subliñou que Europa non se constrúe só nos grandes núcleos urbanos ou nos centros institucionais, salientando que “Tamén temos que escoitar aos pequenos concellos e aldeas se queremos unha Europa verdadeiramente democrática”.

Pérez Blecua explicou que nas áreas rurais as decisións políticas teñen unha repercusión inmediata na vida das persoas, xa que afectan a servizos básicos e ás oportunidades para que a mocidade poida desenvolver o seu futuro no territorio. Ao mesmo tempo, destacou os retos que afronta o rural, como o despoboamento, o envellecemento da poboación ou a distancia aos centros de decisión política, e lembrou que as políticas europeas teñen unha presenza directa no día a día destas zonas, especialmente en ámbitos como o desenvolvemento rural, a agricultura, a transición enerxética ou a dixitalización.

O deputado tamén puxo en valor iniciativas de cooperación europea como o proxecto PROVote, que conectan territorios de distintos países con desafíos similares. “En Galicia, en Romanía, en Grecia ou en Italia atopamos aldeas que afrontan problemas parecidos, como a perda de poboación, a dificultade para atraer mocidade ou o mantemento dos servizos básicos”, indicou.
Ao mesmo tempo, Pérez Blecua destacou que estes territorios tamén comparten unha gran capacidade de resiliencia e innovación social, sustentada no compromiso das comunidades locais, nas asociacións veciñais, no liderado das mulleres rurais e na implicación da mocidade.

0.13384199142456