A Deputación de Ourense suma cinco novos sendeiros de excelencia ambiental á rede estatal Sendero Azul

A Deputación de Ourense participou hoxe no acto oficial de entrega das Bandeiras Sendeiro Azul 2026, celebrado pola ADEAC no Auditorio de Cullera.
No encontro institucional, o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, recolleu os distintivos que acreditan a incorporación de cinco novos itinerarios da provincia á rede estatal de sendeiros de excelencia ambiental.
Os percorridos recoñecidos están situados nas contornas termais de Arnoia, Cenlle (Laias), Lobios, O Carballiño e Ribadavia.
Estas novas distincións súmanse á xa existente na Serra do Invernadoiro, elevando a seis o número total de sendeiros certificados na provincia ourensá dentro do programa Sendeiros Azules.
Durante o acto, Fernández subliñou que este recoñecemento “consolida o posicionamento de Ourense como unha provincia de referencia no aproveitamento sostible dos seus recursos naturais e, especialmente, no seu potencial termal”.
O representante provincial destacou que estes sendeiros non se limitan a ser simples rutas paisaxísticas, senón que funcionan como espazos de encontro entre natureza, saúde e calidade de vida.
“O noso modelo de sendeirismo busca fomentar hábitos saudables, facilitar o contacto coa contorna natural e poñer en valor o patrimonio cultural e ambiental da provincia”, explicou.
O deputado tamén puxo en valor o traballo desenvolvido pola Deputación para impulsar un sistema de sendeiros de interior vinculados ao termalismo, unha proposta considerada innovadora dentro do programa Sendeiro Azul, tradicionalmente asociado a espazos costeiros.
“Ourense demostra que o interior tamén pode liderar políticas ambientais e de benestar, transformando os seus recursos naturais en oportunidades para o turismo sostible, o desenvolvemento territorial e o envellecemento activo da poboación”, afirmou.
A incorporación destes cinco itinerarios sitúa a provincia con forza dentro da rede estatal de Sendeiros Azules, que supera xa os 1.200 quilómetros de percorridos certificados en 24 provincias españolas.
Este avance supón un salto cualitativo para Ourense, que pasa a ocupar o noveno posto no conxunto do Estado en número de sendeiros recoñecidos.
No acto de entrega salientouse que as certificacións avalían criterios de excelencia técnica e ambiental, incluíndo o deseño das rutas, a seguridade dos usuarios, a sinalización, a conservación do patrimonio e a xestión activa dos valores naturais e culturais.
Deste modo, a Deputación reafirma o seu compromiso coa sostibilidade, o benestar cidadán e a posta en valor do territorio como eixo de desenvolvemento económico e social.