A Deputación de Ourense súmase ao Proxecto Arraigo para dinamizar o rural

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, xunto ao deputado de Dinamización do Medio Rural, Xosé Miguel Pérez Blecua, mantivo un encontro co fundador de Proxecto Arraigo, Enrique Martínez Pomar, e o seu equipo técnico, para coñecer o desenvolvemento dunha iniciativa que busca reverter o reto demográfico na provincia.
Segundo indicou Menor, o proxecto comezará cun traballo de campo para analizar a situación inicial e abrir unha fase de adhesión de concellos, que permitirá deseñar plans piloto, avaliar resultados e estender as accións a outras zonas. O presidente destacou que “toda iniciativa enfocada a traballar no ámbito do reto demográfico axuda a identificar as necesidades reais do territorio e a planificar sobre elas futuras estratexias”.
A primeira etapa céntrase na identificación de vivendas dispoñibles, oportunidades de emprego, servizos e recursos comunitarios, traballando de forma coordinada cos concellos e axentes locais. Ademais, programáronse reunións informativas: a primeira terá lugar hoxe na sede do GDR Monteval, mañá no GDR Ardecou e o xoves no GDR Sil-Bibei-Navea, con novas sesións previstas durante outubro.
Proxecto Arraigo, explican dende a institución provincial, xa acompañou a máis de 1.000 familias a asentarse no medio rural e está recoñecido pola Unión Europea, así como por deputacións españolas como Burgos, Cuenca, León ou Palencia. Actualmente, máis de 28.000 familias buscan un novo proxecto de vida no campo a través desta iniciativa.