A Deputación de Ourense ten aberto o prazo para a incorporación de empresas e servizos turísticos ao sistema SICTED “Ourense Termal”

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ten aberto o prazo para que empresas e servizos turísticos se incorporen ao Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED) “Ourense Termal”, que actualmente conta con 50 entidades distinguidas dos sectores de aloxamento, restauración, termalismo, comercio, transporte, guías de turismo, museos, oficinas de turismo e axencias de viaxes.
O proxecto ofrece formación e asesoramento a cargo de expertos para a implantación de boas prácticas e a mellora continua. Durante o primeiro ciclo, os participantes asistirán a varias sesións de formación e recibirán dúas visitas técnicas nas súas instalacións para detectar áreas de mellora. Ao finalizar, recibirán unha avaliación que certifica que se cumpren os requisitos e que existe un plan de mellora.
O SICTED é un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo que acredita aos participantes e recoñece o seu compromiso coa calidade a través do distintivo “Compromiso de Calidade Turística”. A Deputación de Ourense impulsa esta iniciativa co apoio e cofinanciamento do Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense Termal”, e continuará desenvolvendo o proxecto de forma escalada a partir de setembro de 2025. A participación no SICTED é totalmente gratuíta e os interesados poden inscribirse ata o 27 de agosto.