A Deputación dedica o '8 mes a mes' de decembro ás mulleres do sector agrogandeiro

OurenseXa
A homenaxe céntrase na figura de Elvira Pérez Vilanova, natural de A Bola, como exemplo de esforzo, constancia e vínculo co territorio nun ámbito clave para o rural ourensán
elvira-perez-vilanova
8 Dec 2025

A Deputación de Ourense celebrou este 8 de decembro unha nova edición da campaña '8M, mes a mes', que nesta ocasión rende homenaxe ás mulleres que traballan no sector agrogandeiro. Baixo o lema “As pastoras da igualdade”, a institución recoñece o labor de Elvira Pérez Vilanova, natural de A Bola, como exemplo de esforzo, constancia e vínculo co territorio nun ámbito clave para o rural ourensán.

Desde a Área de Igualdade subliñan que o obxectivo desta iniciativa é visibilizar o papel das mulleres nun sector esencial e lembrar a necesidade de reforzar o apoio institucional a actividades que contribúen ao futuro, á sustentabilidade e á cohesión social da provincia.

A deputada de Igualdade, Teresa Barge, incidiu na importancia de manter “os rabaños nos montes, especialmente trala vaga de lumes vivida este último verán na provincia”. Neste sentido, destacou que o traballo das gandeiras “é un garante de alimento e vida no rural, pero tamén contribúe á prevención dos incendios”.

Barge reivindicou ademais que a labor das mulleres gandeiras é “un acto de resistencia e de amor pola terra”, e lembrou que grazas a elas “os montes seguen vivos, as aldeas manteñen a súa identidade e a provincia de Ourense conserva a súa forza”. Sinalou tamén que cada unha destas profesionais representa “a loita pola igualdade e pola dignidade do noso rural”.

A homenaxeada, Elvira Pérez, leva ao fronte da súa explotación desde 1994, un proxecto que actualmente conta con 190 ovellas. Ela mesma lembra que os inicios “non foron doados”, pola necesidade de investir tempo, recursos e dedicación nun sector que require un grande sacrificio. Tamén salientou a dureza do día a día: acudir ao monte cos animais, madrugar para alimentalos e asumir unha rutina sen días libres, unha realidade que, asegura, poucas veces recibe o recoñecemento que merece.

⚙ Configurar cookies
0.24442791938782