A Deputación dedica outubro ás mulleres rurais de FEMURO dentro da campaña “8M, mes a mes”

A Deputación Provincial de Ourense, a través da Área de Igualdade, decidiu dedicar o mes de outubro ás mulleres rurais da provincia, destacando a labor da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO), presidida por María Isabel (Maribel) Garrido Blanco. Esta acción forma parte do programa “8M, Mes a Mes”, que busca visibilizar e recoñecer o papel das mulleres en distintos ámbitos da sociedade.
Trátase de “un claro exemplo da forza feminina do ámbito rural de Ourense, que a Deputación quere valorar e destacar, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller Rural o 15 de outubro”, subliñou a deputada de Igualdade, Teresa Barge.
FEMURO naceu en 1998 da man de Maribel Garrido e Corona Meixeira, co obxectivo de crear un espazo de unidade e colaboración entre as asociacións de mulleres rurais. Desde 2012, Garrido lidera a federación, que actualmente agrupa 68 asociacións distribuídas por toda a provincia. Segundo a presidenta, «é unha federación que traballa para fortalecer o tecido asociativo feminino e mellorar as condicións de vida das mulleres nas zonas rurais de Ourense».
O labor de FEMURO céntrase en dúas áreas principais: asociacionismo e ámbito social. No que respecta ao asociacionismo, a federación acompaña ás asociacións de mulleres na súa creación e consolidación, ofrecendo asesoramento, apoio na xestión, dinamización de actividades e organización de obradoiros, reunións e xornadas de formación. Por outra banda, no ámbito social, desenvolve programas de emprego, formación, emerxencia social e conciliación da vida laboral e persoal, poñendo especial atención nas mulleres en situación de vulnerabilidade. Ademais, leva a cabo accións de sensibilización en igualdade dirixidas a toda a poboación, con especial presenza en centros educativos para previr a violencia machista e promover relacións baseadas no respecto e na igualdade.
Como sinala Maribel Garrido, “FEMURO convértese nun vínculo entre mulleres de diferentes idades, orixes e realidades, un espazo onde atopan apoio, orientación e acompañamento. Xa sexa para fundar unha asociación, buscar orientación laboral, cubrir necesidades básicas ou simplemente compartir un espazo de escoita e convivencia, FEMURO é sinónimo de rede, fortaleza e comunidade no Ourense rural”.
Con esta iniciativa, a Deputación busca poñer en valor o traballo das mulleres rurais e reforzar a visibilidade da súa contribución ao desenvolvemento social e comunitario na provincia.