A Deputación defende o potencial termal da provincia de Ourense en Madrid

O presidente provincial, na súa condición de presidente da Rede de Vilas Termais, destacou no acto o poder dos balnearios e do sector termal como “auténtico motor económico” dos pequenos municipios. Menor participou na sede da FEMP en Madrid, onde tamén analizou nunha mesa redonda os retos e as oportunidades do desenvolvemento de experiencias turísticas sostibles.
Luis Menor trasladou aos representantes institucionais de destinos termais de toda España a importancia de “fomentar a competitividade” a través de programas “sostibles e innovadores” nos territorios. “Somos un sector distintivo, complementario á oferta xeral, un sector que reequilibra territorialmente o turismo”, sinalou.
Ademais, puxo en valor o termalismo das vilas termais como “fonte de saúde de todo tipo, non só física, senón tamén de saúde mental”.
Turismo aberto e personalizado
Durante a recepción institucional, o presidente provincial apostou por “xerar un turismo aberto e personalizado” e con “identidade” que “descoñece a masificación e a turismofobia”.
En canto aos retos das vilas termais, Menor sinalou a sustentabilidade económica como desafío principal. “Necesitamos que os balnearios abran o maior número de meses posibles e se confirmen como motor da economía local”, indicou.
Nas conclusións, Menor referiuse ao impulso dun modelo de turismo termal “competitivo, xusto, innovador, sostible e de cohesión territorial”.
Entre os resultados do proxecto de experiencias de turismo da FEMP, o presidente da rede de vilas termais destacou os nove destinos piloto que sentarán as bases dun novo modelo de vila termal (A Arnoia, Archena, Arnedillo, Baños de Montemayor, Chiclana, Cuntis, Lobios, O Grove e Trill).
Tamén mencionou a posta en marcha dunha plataforma de formación online, a renovación do catálogo de experiencias e a próxima implantación dun sistema de Intelixencia Artificial na rede de vilas.
Cooperación, a folla de ruta
Na recepción institucional participaron tamén Luis Martínez-Sicluna, secretario xeral da FEMP; Vicent Marí, presidente do Consell Insular de Eivissa e presidente da Rede do Spain Convention Bureau; e Rosario Sánchez, secretaria de Estado de Turismo. Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense agradeceu a implicación dos diversos axentes no plan termal e pediu que a “cooperación” siga sendo a “folla de ruta” para xerar oportunidades nos territorios.
Na mesa redonda sobre vilas termais houbo representación ourensá coa presentación dos destinos piloto de A Arnoia e Lobios.