A Deputación destina 350.000 euros para proxectos sociais de entidades sen ánimo de lucro

OurenseXa
A contía máxima de cada axuda será de 15.000 euros e o prazo para solicitalas estará aberto durante un mes
xunta-de-goberno-deputacion-ourense
Xunta de Goberno da Deputación de Ourensee
9 Jun 2025

A Xunta de Goberno desta semana vén de aprobar, na súa sesión ordinaria, habilitar un total de 1.153.000 euros para diversas bases e convocatorias de subvencións (dotadas con 450.000 euros), así como achegas por importe de 703.000 euros para a cooperación con municipios e entidades supramunicipais, deportivas, culturais e empresariais.

No que atinxe ás bases e convocatorias de axudas aprobadas hoxe, en primeiro lugar aprobáronse as do concurso público para proxectos de entidades sociais sen ánimo de lucro para proxectos de carácter social durante este ano 2025. Contan cunha partida orzamentaria de 350.000 euros e a contía máxima de cada axuda será de 15.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, unha vez sexan publicadas estas bases e convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Precisamente, o presidente provincial reunirase mañá con medio cento de entidades sociais para explicar as liñas xerais desta convocatoria anual.

Tamén foron aprobadas as bases e convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes a este ano. Contan cunha dispoñibilidade orzamentaria de 100.000 euros e a contía máxima de cada axuda será de 10.000 euros. O prazo para presentar solicitudes rematará, de xeito improrrogable, o 20 de xullo.

No tocante ás axudas á cooperación, a Xunta de Goberno activou hoxe 703.000 euros. Ao Concello de Leiro destínanse 47.000 euros para a área etnográfica do Regato do Foxón e á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Celanova asígnanse 150.000 euros para a adquisición dun vehículo escaleira de bombeiros. A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Verín obtén 50.000 euros para gastos de funcionamento.

O resto das axudas foron destinadas a entidades empresariais como a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), que percibe 45.000 europs para o proxecto “Reactiva mulleres maiores de 45 anos” e 9.000 euros para a Gala de Empresas 2025. A Asociación de Empresarios da Construción (ACO), recibirá 60.000 euros para un proxecto de emprego destinado a maiores de 30 anos. A Asociación de Establecementos Asociados do Ribeiro obtén 10.000 euros para gastos de funcionamento, mentres que a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) obtén 18.000 euros para a actividade “Mercado rural”.

No que relativo ás entidades deportivas, as axudas foron para a Asociación de Entrenadores de Fútbol “Afiador” (3.000 euros) para as súas charlas de formación; Club Ximnasia Pavillón Ourense (15.000 euros) para gastos de funcionamento; Escudería Ourense (60.000 euros) para Rally de Ourense; Federación Galega de Piragüismo (40.000 euros), para a organización de campionatos; Ourense Club de Fútbol (70.000 euros); Unión Deportiva Barbadás (20.000 euros); Federación Galega de Loita (6.000 euros), para a adquisición dun tapiz.

Respecto ás entidades de carácter cultural, as achegas foron para a Fundación Curros Enríquez (26.000 euros) para gastos de funcionamento; Liceo Recreo Ourensano (30.000 euros); Coral de ruada (29.000 euros) e, por último, para a asociación de carácter social Por Eles TEA, concédense 15.000 euros para gastos de funcionamento.

⚙ Configurar cookies
0.16619515419006