A Deputación destina máis de 40.000 euros a comercios locales para a súa dinamización

OurenseXa
Todas as entidades solicitantes que presentaron axeitadamente a documentación resultaron beneficiarias destas axudas
mercar-comprar-bolsas-comercio-1
Imaxe de arquivo
18 Xul 2024

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, destinou un orzamento de 41.354,20 euros en axudas a oito asociacións de comerciantes da provincia que concorreron á convocatoria de axudas para as asociacións de comerciantes ou asociacións empresariais da provincia que integren comerciantes, postas en marcha por terceiro ano consecutivo por este organismo provincial, para cooperar en accións de dinamización e promoción do comercio local.

Todas as entidades solicitantes que presentaron axeitadamente a documentación resultaron beneficiarias destas axudas. Nesta ocasión, son oito as entidades beneficiarias (dúas máis que o ano pasado) destas axudas que serán destinadas a realizar campañas, accións de “bonos comercio”, ou a promover prácticas que fomenten a sustentabilidade e a economía circular no tecido do comercio local.

Esta liña de axudas chega ata a 6 comarcas distintas da provincia: Valdeorras, A Limia, Ribeiro, Carballiño, Maceda e Ourense, e a unha entidade de ámbito provincial como é a Asociación de Floristas.

Deste modo, a Asociación de comerciantes, empresarios, profesionais e autónomos CCA O Barco recibirá 5.600 euros para a campaña Túnel do terror – Samaín; a Asociación empresas e comercios ProLimia tamén conta cunha axuda de 5.600 euros para a Feira do Comercio 2024. A mesma contía será para os Establecementos Asociados do Ribeiro para os Bonos Comercio do Ribeiro 2024.

Pola súa parte, a Asociación de Floristas da provincia de Ourense recibirá unha achega de 5.600 euros para a súa iniciativa de novas tendencias de decoración navideña sostible. De igual modo, a Asociación de comerciantes e empresarios de Maceda recibirá o mesmo importe para a campaña de merca no comercio local, merca en Maceda.

A Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto conta cunha achega de 3.398,20 euros para o seu concurso de carteis escolares “Somos do Carballiño” 2024. Así mesmo, a Asociación empresarios de Valdeorras AEVA recibirá 5.600 euros para o seu proxecto de "Valdeorras sostible: concienciando e fortalecendo o comercio local a través de prácticas circulares e responsables”. E, por último, unha axuda de 4.356 para a Asociación de comerciantes, empresarios e profesionais do Centro Comercial Aberto de Ourense para cooperar coas accións de dinamización e promoción do comercio.

0.096938848495483