A Deputación e a CEO presentan o Plan ExportOU 2026 para impulsar a internacionalización empresarial

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) veñen de presentar o Plan ExportOU 2026, unha iniciativa orientada a acompañar ao tecido empresarial da provincia nos seus procesos de internacionalización, dixitalización e sustentabilidade.
A presentación tivo lugar nas instalacións da empresa Aníbal Metalmecánica Gallega S.L. e contou coa participación do presidente da Deputación, Luis Menor, a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoam o presidente da CEO, David Martínez; e o representante da empresa anfitrioa, Anibal Blanco.
Na súa intervención, Menor puxo o programa ExportOU como exemplo de “éxito de cooperación” entre a CEO e a Deputación de Ourense, lembrando a súa posta en marcha no ano 2017 co obxectivo de apoiar e asesorar ao tecido empresarial ourensán. Nesta liña, destacou os resultados acadados o pasado ano, no que o programa permitiu prestar preto de 300 servizos, apoiar arredor de 200 empresas e desenvolver 25 accións, “un impacto máis ca positivo que vén a reforzar o que xa sabemos: apoiar a aqueles que cren e crean no territorio é apostar polo futuro da provincia”.
O presidente da Deputación tamén aproveitou a ocasión para reclamar avances en infraestruturas clave para o desenvolvemento industrial da provincia, como a ampliación do polígono de San Cibrao, a construción dunha nova depuradora, o impulso da estación de mercadorías, a ampliación do polígono do Pereiro e a posta en marcha do de Paderne de Allariz, considerados “imprescindible para o crecemento industrial da provincia”.
O novo ciclo do programa ExportOU 2026 arrinca co obxectivo de achegar os recursos directamente ás empresas e ás comarcas, reforzando así a cohesión territorial e a competitividade provincial. Neste sentido, David Martínez sinalou que o programa busca estar “ao carón das empresas, anticiparse aos desafíos e ofrecer solucións concretas que permitan minimizar riscos e aproveitar oportunidades nun entorno global inestable”.
Pola súa parte, a alcaldesa de San Cibrao das Viñas agradeceu a colaboración entre a CEO e a Deputación, así como a elección dunha empresa situada nun dos polígonos industriais máis importantes de Galicia para acoller a presentación.
A xornada incluíu ademais unha visita ás instalacións da empresa anfitrioa, que foi posta como exemplo do potencial do tecido empresarial ourensán. Neste contexto, Martínez destacou que a compañía representa “o espírito deste proxecto” e un “exemplo claro de como o tecido empresarial da nosa provincia é capaz de competir e posicionarse a nivel global”.
Finalmente, Anibal Blanco puxo en valor o papel das institucións como apoio á internacionalización e destacou as vantaxes competitivas de Ourense, como o talento dispoñible, a calidade de vida e a conectividade, factores que, segundo indicou, facilitan a atracción de investimentos e a capacidade de competir nos mercados internacionais.