A Deputación e a CEO reivindican investimentos para impulsar o crecemento económico da provincia

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) traballan de forma coordinada para impulsar o crecemento económico da provincia, centrando as súas demandas en mellores conexións por estrada e tren, máis solo industrial e a captación de novos investimentos empresariais.
Así o trasladaron o presidente da Deputación, Luis Menor, e o presidente da CEO, David Martínez, tras a reunión de traballo mantida no Pazo Provincial, na que ambas institucións abordaron as liñas de acción a seguir conxuntamente. Menor subliñou que se trata de dúas entidades “perfectamente aliñadas na defensa dos intereses de Ourense e lograr unha provincia máis desenrolada económica e socialmente”.
O presidente provincial destacou o avance na creación de solo empresarial en diversos puntos da provincia. “Está rematada a ampliación de Xinzo, está a punto de adxudicarse a ampliación do Polígono de San Cibrao e avanzando nos trámites do de Pereiro, así como a creación de máis dun millón de metros de solo industrial no Carballiño-Maside”, explicou. Neste contexto, Menor resaltou “o importante esforzo” que se está a realizar para dispoñer de solo empresarial, que é “fundamental” para atender as necesidades actuais das empresas e poder “captar novos investimentos” en Ourense.
O presidente subliñou que unha oferta de solo industrial acompañada de melloras nas comunicacións e infraestruturas clave permitiría “competir e captar investimentos” no territorio e, así, “crear emprego, xerar riqueza e afianzar poboación na provincia”. Ademais, comprometeuse a colaborar coa CEO para cubrir a demanda de man de obra a través de ofertas formativas que se adapten ás necesidades do tecido produtivo, e tamén se abordou a problemática da vivenda, que é “imprescindible para poder captar novos traballadores á provincia de Ourense”.
Pola súa parte, o novo presidente da CEO, David Martínez, agradeceu a “colaboración histórica” da Deputación coa entidade para “potenciar conxuntamente as necesidades de infraestruturas, investimentos e solo industrial que son tan importantes para a provincia”.