A Deputación e AEPA colaborarán para impulsar a figura do Afiador na provincia

OurenseXa
Reivindican a súa figura como imaxe da economía ourensá destacando ao Afiador como o “primeiro autónomo da nosa historia”
Luis Menor e David Martínez
Luis Menor e David Martínez
2 Sep 2025

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA), David Martínez, mantiveron esta mañá un encontro no Pazo Provincial no que reivindicaron a figura do autónomo como imaxe da economía ourensá, facendo especial referencia ao Afiador como o “primeiro autónomo da nosa historia”.

Durante a reunión, Menor puido coñecer de primeira man os proxectos nos que está a traballar a AEPA, unha entidade coa que a Deputación “vén colaborando estes últimos anos”. A asociación agrupa arredor de 200 socios, atópase “en plena expansión” e a súa actividade é “complementaria ás accións da CEO”, destacou o presidente provincial.
De cara ao próximo ano, ambas entidades propoñen continuar con este traballo de impulso para que se “concreten” os proxectos de autónomos, creando entre todos “o clima adecuado” para que poidan materializarse.

Luis Menor subliñou tamén a intención de atraer autónomos doutros puntos de España e do exterior “a nosa provincia”, un obxectivo que dixo, debe ir acompañado da “mellora das comunicacións e da oferta dun clima social e económico adecuado que permita desenvolver este tipo de actividades”. Ademais, lembrou a crecente chegada de inmigrantes a Ourense, unha situación que se debe ter en conta para ofrecerlles “a posibilidade de desenvolver a súa inquietude empresarial no noso territorio”.

Pola súa parte, David Martínez resaltou a importancia de estar “en sintonía” coa Deputación e con todos os organismos para desenvolver proxectos de autónomos na provincia, tendo como referente ao Afiador, “que podería ser o primeiro autónomo ourensá”, e destacou a necesidade de “aglutinar forzas” para asociar a provincia coa figura do autónomo.

⚙ Configurar cookies
0.1636209487915