A Deputación e o Catastro asinan un novo convenio que simplificará e axilizará os trámites catastrais

OurenseXa
O acordo substitúe ao asinado en 1999 e beneficiará a 40 concellos
luis-menor-manue-junco-catastro
16 Sep 2025

A Deputación de Ourense e o Catastro reforzaron a súa cooperación coa firma dun novo convenio que substitúe ao asinado en 1999 e permite que 40 concellos se beneficien dos expedientes de comunicacións catastrais, axilizando así os trámites para os propietarios de inmobles urbanos e rústicos.

O presidente provincial, Luis Menor, cualificou o acordo como “innovador” e asegurou que dará “un mellor servizo á cidadanía”, evitando que os cidadáns teñan que achegar información que xa está en poder das administracións locais.

O convenio mantén tamén a xestión das declaracións de alteracións físicas e xurídicas e amplía o seu alcance aos inmobles rústicos, incrementando a seguridade xurídica no medio rural. Ademais, a Deputación xestiona un punto de información catastral para os concellos adheridos, facilitando a interacción cos veciños.

Durante a reunión de seguimento do convenio, o presidente provincial e o xerente territorial do Catastro, Manuel Junco, destacaron a actividade rexistrada ata a data, incluíndo miles de declaracións de alteración xurídica e física, así como numerosas comunicacións de actuacións. O presidente provincial avanzou que ambas entidades acordaron continuar e profundar neste convenio, co obxectivo de “continuar prestando este servizo, que é innovador, é colaborativo con outras administracións e que, en definitiva, redunda nun mellor servizo público”.

Tamén sinalaron a utilidade dos rueiros xeorreferenciados realizados polos concellos, un recurso que facilita o Catastro grazas á colaboración da Deputación e que contribúe a unha xestión máis precisa e eficiente do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.11033296585083