A Deputación e o Centro Comercial Aberto Ourense avanzan iniciativas para fomentar o comercio local

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reuniuse co presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Luis Rivera, e coa xerente da entidade, Lorena Tato, co obxectivo de analizar as oportunidades e os desafíos do comercio de proximidade na capital. Este encontro de traballo enmárcase nas reunións que o presidente provincial mantén con representantes de diversas entidades e colectivos de relevancia para a provincia.
Ademais de analizar a situación do comercio local na cidade, Menor e os representantes do Centro Comercial Aberto Ourense Centro estudaron a posibilidade de establecer liñas de cooperación entre ambas entidades para incentivar o consumo nos negocios da cidade.
Luis Menor reafirma a aposta da Deputación pola “dinamización do tecido comercial”, a través da cooperación como “estratexia clave” para levar a cabo proxectos en beneficio de toda a provincia.